O recuncho de Antonio González

Igrexa dos Vaos: un templo un tanto tenebroso

Esta construción conta con cinco caveiras no seu interior e este veciño de Cartea ten algunha información privilexiada
A igrexa dos Vaos. Lucenses sin Lúa
photo_camera A igrexa dos Vaos. Lucenses sin Lúa

Lúgubre, fúnebre, escuro, sombrío, tétrico e, incluso, macabro. Así cualificaría algunha que outra persoa a igrexa dos Vaos, en Ribeira de Piquín. Un templo edificado a carón dun meandro do río Rodil, que se caracteriza polo feito de ter cinco caveiras incrustadas nunha das súas paredes, sendo unha das poucas construcións relixiosas en Galicia con este curioso elemento ornamental.

Antonio González, veciño de Cartea, a uns dez quilómetros e medio do lugar, amosa a súa valentía ao escollelo como un dos recunchos favoritos da zona. "Hai algo tenebroso, algo que non logramos comprender na igrexa... pero non sinto medo. Non son temeroso. Non lle teño medo aos mortos, os vivos son máis perigosos", admite entre risas.

De feito, este ribeirego está totalmente acostumado ás cinco caveiras, xa que foi bautizado no propio templo e, tamén, fixo a comuñón alí. Aínda así, afirma que vai o menos posible polos Vaos. "Cando vou soe ser para ir a algún enterro", explica.

Na actualidade, hai un único párroco para atender toda a comarca e as misas celébranse en datas moi sinaladas. Normalmente, o templo está pechado e hai que falar co cura para poder visitalo, sendo a etapa estival o mellor momento para facelo.

As cinco caveiras da igrexa, incrustadas na parede. Lucenses sin Lúa
As cinco caveiras da igrexa, incrustadas na parede. Lucenses sin Lúa

Antonio conta algo que non moitos coñecen. Existe unha sexta caveira! "Hai unha especie de armario camuflado onde a teñen gardada. Pregunteille ao sacerdote por ela e deixoume tocala", afirma. A orixe destes cranios é unha incógnita, e tampouco este intrépido veciño foi quen de descubrilo. "Preguntei moitas veces, pero non atopei resposta", comenta. Algunhas teorías falan de que poden pertencer aos primeiros monxes que habitaron o mosteiro, e outras que poden ser axustizados por parte da Inquisición, o cal sería, canto menos, sinistro.

Antonio é o creador de Lucenses sin Lúa, unha páxina de Facebook onde ten uns 190.000 seguidores, e sente certa devoción por este tipo de lugares, que adoita fotografar. "Gústanme os sitios illados, naturais e agochados, que non estean explotados", confesa. As características da igrexa adáptanse perfectamente a este gusto, con cinco habitantes no lugar e unha mística que sempre estará presente.

Comentarios