O RECUNCHO DE

Santuario de San Xián: un templo para curar as doenzas

Dise que este templo escollido por Digna Iglesia, construído no século XIX, conta cunha fonte de augas milagrosas ao seu carón
Santuario de San Xián. D.CABO
photo_camera Santuario de San Xián. D.CABO

No lugar da Espiñeira, na parroquia de San Fiz de Baltar, na Pastoriza, no medio dun prado ben coidadiño érguese, maxestoso, o santuario de San Xián, unha pequena ermida de planta rectangular, cos muros e a cuberta de lousa, edificado na segunda metade do século XIX. A construción viuse reformada máis dunha vez grazas a algún veciño e ao párroco, que loitan contra o seu abandono.

Un recuncho tranquilo e illado que é un refuxio para aqueles que buscan acougo e serenidade, onde non hai ruídos de coches, senón o son suave do vento nas árbores. Digna Iglesia, encargada da biblioteca municipal da Pastoriza durante os últimos 23 anos, escolleuno como un dos seus lugares favoritos dentro da localidade. "Paréceme un sitio cheo de paz e relax", comenta a veciña.

"A primeira vez fun á misa o día da festa de San Julián —moita xente emprega este nome— coa miña nai", rememora Digna, facendo alusión a un día moi importante para o templo. Todos os anos, 14 semanas despois do martes de Entroido, celébrase unha festividade que reúne veciños e fieis de diferentes concellos da contorna. Non só da Pastoriza, senón tamén de Castro de Rei, Cospeito, Pol, Riotorto, Mondoñedo, Meira, etc.

Moitos chámanlle ‘capela’, pero a falta de vivendas na súa contorna evidencia que se trata dunha ermida. O lugar é coñecido pola cantidade de devotos que realizan peticións ao santo, coa existencia dunha fonte —no pasado eran tres— de auga considerada milagrosa.

Fonte do santuario de San Xián. D.CABO
Fonte do santuario de San Xián. D.CABO

"Eu fixen o rito da fonte, é o que máis me gusta", confirma esta pastoricense, que, como outros, lavou cun pano algunha doenza física do seu corpo para despois deixar o obxecto pousado na zona. Dise que cando este podrece, a doenza desaparece. E aínda a día de hoxe, pódense ver decenas de panos colgados nas inmediacións da fonte.

Hai tempo, bastantes devotos acudían ao santuario andando dende o seu lugar de orixe, incluso descalzos, como sacrificio previo antes de entrar en contacto co sagrado. Digna, veciña da Regueira, prometeu realizar este rito percorrendo a pé os seis quilómetros entre a súa casa e o templo. Este ano terá unha nova oportunidade para levalo a cabo.

Comentarios