O tecor Terra Chá, o gran xigante cinexético de Galicia

Coas súas 46.000 hectáreas é o de maior extensión de toda a comunidade. A entidade, que conta con preto dun milleiro de socios, traballa arreo para dar unha visión máis positiva e menos desvirtuada da actividade da caza
Charla do tecor Terra Chá nun centro escolar da comarca. EP
photo_camera Charla do tecor Terra Chá nun centro escolar da comarca. EP

Achegar unha percepción diferente sobre a caza lonxe dos tópicos e estereotipos e mostrar as bondades desta disciplina a toda a sociedade e, especialmente, aos máis novos, son os principais obxectivos que persegue a directiva da sociedade de cazadores que se encarga do aproveitamento cinexético do tecor Terra Chá, o máis grande de Galicia, que se estende polos concellos chairegos de Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei, con 46.000 hectáreas.

"Somos o máis grande e estamos a piques de converternos tamén no mellor", asegura o seu presidente, Jaime González Penelas, que acaba de iniciar o seu segundo mandato á fronte da entidade que suma máis de dúas décadas de historia e onde o acompañan na directiva Marcos González e Juan Antonio Pena, vicepresidentes; Carlos Peteira, tesoureiro; Iván Expósito, vicetesoureiro; Mayra Rojo, secretaria, ademais de Adrián Rodríguez, Juan José Fernández e Jesús Paz, como vogais. 

"Inicialmente eran tres tecores, pero unificáronse e por iso agora somos o máis grande da comunidade. Os terreos esténdense polos municipios de Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza e por unha parroquia de Vilalba, a de Xoibán", engade Jaime, dando máis cifras sobre a importancia que ten esta asociación privada sen ánimo de lucro que o que busca é "fomentar a práctica da caza e das actividades relacionadas con ela".

Actualmente conta con "749 socios numerarios e con 49 protectores", segundo indica o seu máximo responsable, explicando que a súa procedencia é diversa, e que aínda que a maioría é dos concellos nos que está asentado o tecor —un dos requisitos para acceder a ser membro da sociedade é ter un terreo en propiedade nalgún deles— ou de municipios próximos, tamén hai outros que viven en Lugo, na Coruña ou mesmo en Narón.

TECOR TERRA CHÁ 1
Campionato galego de cetrería onde Ramón Ferreiro, ao fondo, se proclamou gañador. EP

E as importantes cifras desta entidade alcanzan récords non só no tocante á extensión ou no volume de socios, senón tamén no maior número de cazadores afiliados á Federación Galega de Caza, que son "ao redor do 50% do total".

OFERTA. Grazas á ampla extensión e á diversidade dos terreos nos que está localizado —a paisaxe destaca pola súa marcada vocación agrogandeira, onde hai importantes zonas adicadas a pastos, intercaladas por bosques, e na zona norte, a orografía é máis montañosa e gana terreo a gandería en extensivo—, tamén a oferta para os afeccionados da caza é ampla con respecto a outras entidades similares.

Así, dentro dos seus dominios desenvólvense todo tipo de eventos, dende campionatos de España de rastro de xabarín —promoveron un co tecor O Polémico de Mondoñedo— a probas provinciais e galegas e mesmo a outras iniciativas en colaboración con outras entidades como poden ser as probas de adestramento ideadas xunto a Sociedade Canina Galega.

A todo isto súmase ademais a posibilidade de practicar caza maior e caza menor. E o tecor Terra Chá tamén dispón dunha zona libre e permanente dunhas 500 hectáreas dedicada á cetrería, unha disciplina que concedeu xa varios recoñecementos, como o colleitado por Ramon Ferreiro e o seu paxaro Nitro —un macho de harris—, que se proclamaron vencedores a nivel autónomico nunha proba disputada en Ordes.

Precisamente co obxectivo de explicar máis detalles sobre esta actividade, a da cetrería, así como sobre outros temas vinculados ao tecor e ao mundo da caza, dende a entidade programan visitas aos centros escolares da comarca para visibilizar o seu labor e trasladar información.

Estas charlas tamén van encamiñadas a que a entidade poida ter continuidade no futuro, para o que é imprescindible a implicación dos máis novos e o tan necesario relevo xeracional.

Neste sentido, o tecor Terra Chá é "un privilexiado", segundo confirma González Penelas, quen explica que aínda que a media de idade é bastante alta "aínda temos moitos socios no rango entre os 30 e os 50, polo que podemos considerarnos uns afortunados".

TECOR TERRA CHÁ 2
Membros da directiva nunha entrega solidaria ao comedor de Lugo. EP

En relación ao relevo xeracional, a tendencia, como no resto de Galicia e incluso de España, é que a afección pase de pais a fillos e, ante a ausencia de vínculos, o tecor Terra Chá teno claro e apostou por promover actividades que enganchen aos máis novos.

"Para nós é importante que os máis pequenos coñezan o compromiso que temos coa natureza ou a dualidade entre o cazador e o seu can ou o cazador e a súa ave", indica Jaime, quen nesa mesma liña de traballo, e de cara a cambiar a visión negativa que existe dentro da sociedade —o presidente recoñece que, como en todo, "tamén hai excepcións" pero que a mensaxe que se traslada á sociedade está en moitos casos "desvirtuada"—, tamén queren promover máis iniciativas para ao vindeiro ano.

"A idea é organizar algunha táboa redonda, ampliar charlas e promover cursos de caza fotográfica ou outras iniciativas novidosas relacionadas con esta disciplina", di o presidente do tecor Terra Chá, que entende que centralizando este tipo de actividades na comarca a súa entidade cumprirá co seu obxetivo de ser "a mellor".

E para chegar a esa mesma meta, a sociedade de cazadores chairega continuará promovendo outras iniciativas xa consolidadas, como a entrega solidaria de carne ao comedor San Froilán de Lugo ou o apoio aos agricultores que sofren as consecuencias do xabarín.

Seguirán tamén coa repoboación de perdices a finais deste mes de agosto, na que prevén facer unha solta de 7.000 —de esas cazaranse posteriormente unhas 3.500 ou 4.000, o resto quedarán para criar ou como alimento para os depredadores—.

Esta actividade ten un custo de "70.000 euros, o que supón o 75% do noso orzamento", explica Jaime, quen entende que isto é unha proba máis do amplo compromiso do tecor co medio ambiente.

Extensión: Un total de 39 tecores con preto de 200.000 hectáreas

O tecor Terra Chá é un dos 39 que hai repartidos polos 13 concellos  que conforman a nosa particular Chaira —Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, A Pastoriza, Muras, Xermade, Vilalba, Meira, Ribeira de Piquín, Pol e As Pontes—. En extensión entre todos acadan as 184.820 hectáreas de terreo, sendo o segundo máis importante o de Guitiriz y Parroquias, con 21.115 hectáreas. Completa o podio, xa moi lonxe, o de As Louseiras —en Guitiriz e Vilalba—, con 9.649. 
Tempada de caza
A tempada cinexética arrincará o vindeiro 20 de agosto para todos os amantes da caza maior que estean nalgunha das sociedades da volta. Todos os sábados, ata o mes de xaneiro do próximo ano, estará aberta a veda para capturar xabarín e, os domingos ata outubro, corzo e raposo. A mediados de outubro abrirase tamén a tempada de caza menor, para coellos ou perdices. Esta última estará operativa ata Reis. 
Zona permanente
A cetrería é unha das modalidades coas que conta o tecor Terra Chá, que ten unha zona de caza permanente —a autorización esténdese aos xoves, domingos e festivos— salvo os meses de parada biolóxica, que van dende maio ata xullo. As especies cinexéticas máis abundantes nesta zona para esta práctica son: pato, perdiz, coello, lebre, pomba torcaz, cornexa, estorniño ou gaivota