miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

Tecendo cultura e tradición

Nacho Álvarez canta e pon música ao poema da súa irmá María Álvarez, gañadora do I Certame de Poesía Insua e o Liño, unha actuación que tivo lugar na casa da cultura de Vilalba con motivo da entrega de estos e os premios do III Certame de debuxo infantil.
As mulleres de Insua entregaron os premios dos certames de debuxo e poesía do liño

A asociación de mulleres rurais de San Bartolomeu de Insua, que leva máis dunha década traballando arreo pola recuperación do liño, demostrou este sábado que non hai nada como tecer pontes entre a cultura e a tradición para manter vivo este e outros oficios.

Fíxoo entregando os premios do III Certame de Debuxo Infantil e I de Poesía de Insua e o Liño, un concurso que se encadraba dentro dos tradicionais actos da Tasca do Liño, que tivo que ser adiada debido á situación sanitaria pola que pasaba a capital chairega o pasado mes de outubro.

Pese a non celebrar o acto principal, esta asociación, que contou co respaldo do Concello e da Deputación, si que decidiu seguir adiante cos certames, xa que son unha boa ferramenta para "recuperar a sabedoría das xentes maiores", mentres axudan a "enriquecer o noso labor", expresou a presidenta, Lourdes Otero, quen adiantou que farán todo o posible para que a próxima tasca poida levarse a cabo na súa data habitual no mes de outubro aínda que sexa adaptada á nova realidade.

No transcurso do acto, Otero agradeceu tamén a ampla participación —rexistráronse un total de 43 traballos na modalidade de debuxo— e asegurou que o desexo da entidade é poder publicar "un libro con todo o recollido durante estes anos", un xeito máis de poñer en valor o traballo feito polas mulleres de antano, que ademais de axudar aos homes no campo e facer as tarefas da casa, tecían e cosían para vestir as súas familias", recordou.

O acto, celebrado na casa da cultura e ao que asistiron a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o deputado de participación cidadá, Roberto García, permitiu entregar de xeito presencial os diplomas aos gañadores dos certames —os vales para a compra de material escolar e libros xa se lles fixeran chegar a principios de ano—.

PREMIADOS. Na modalidade de debuxo infantil, Tania Prado foi a vencedora desta terceira edición, seguida de Andrés Maceiras e Helena Hang Fernández.

En canto á modalidade de poesía que se estreaba, o primeiro premio recaeu na monfortina María Álvarez, con Apréndeme, irmá, un galardón que recolleu seu irmán Nacho, que fixo unha adaptación musicada do seu poema. Emilia Martínez, con Historia dunha febra, e Manuel Rubiños, con Camiño e tradición, completaron os gañadores dun concurso que tamén outorgou un accésit a Cristina Barreiro, con Salouco sen bágoas.

Tanto a rexedora como o deputado felicitaron aos premiados e participantes e agradeceron o gran traballo desenvolvido polas mulleres de Insua, ás que animaron a seguir loitando por manter viva esta tradición.

Tecendo cultura e tradición
Comentarios