Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Tania Fernández Lombao: "A radio ten que adaptarse ás novas fórmulas de consumo"

Tania Fernández Lombao. JOSÉ ÁNGEL DÍAZ
Tania Fernández Lombao. JOSÉ ÁNGEL DÍAZ

A xornalista Tania Fernández Lombao, que asumiu a finais do pasado ano a xefatura de programas da Radio Galega, pregoará as festas de Castro de Ribeiras de Lea que arrincan este venres

Como recibiu a noticia de ser a pregoeira das festas da súa vila?
Con sorpresa e ilusión por poder achegar a visión da vila dende a óptica dunha xeración que xeralmente non protagoniza os pregóns.

Agradoulle que pensaran en vostede?
Foi unha honra para min ser elixida a primeira muller pregoeira das festas de Castro.

Xa ten pensado en que centrará o seu discurso?
Será emotivo, é o único que podo adiantar.

Que lle evocan estas festas? Cal é o recordo que se lle vén á cabeza se pensa neses días?
A xuntanza das miñas amizades de toda a vida. É a cita ineludible, á que non fallamos, e na que se producen decenas de aventuras.

Ás veces custa ser profeta na terra de cada un, pero vese que a vostede lle teñen cariño. Cre que influiu a súa implicación na vida cultural, social e deportiva da vila?
Seguramente influiu pasar a infancia nun negocio polo que cada día pasan centos de veciñas e veciños. A iso únese que sempre intentei apoiar a vida cultural, social e deportiva da vila de forma activa.

O que asumiu o pasado ano foi un reto importante a nivel profesional. Como xurdiu a oportunidade de facerse cargo da xefatura de programas da Radio Galega na reestruturación da CRTVG?
Xurdiu a partir da miña experiencia profesional en Radio Lugo-Cadena Ser e os meus traballos de investigacións sobre radiotelevisións públicas de Europa na Universidade de Santiago de Compostela.

As festas de Castro son unha cita ineludible, de xuntanza coas miñas amizades de toda a vida

A súa tese de doutoramento, que recibiu a calificación de sobresaínte cum laude, versaba precisamente sobre a implementación da responsabilidade social nas corporacións de radio televisión públicas. 
Si, esta tese permitiume investigar durante catro anos e deume unha visión profunda dos medios de comunicación públicos.

Conseguiu traballar nese sentido dende a súa posición de responsabilidade?
Sempre intento aplicar a responsabilidade social tanto no ámbito profesional como no persoal.

Cal é o labor que desenvolve?
Son a xefa de Programas da Radio Galega, é dicir, de dous terzos da programación. Xestiono toda a loxística deses programas, dende a formación dos equipos ao deseño dos formatos. Tamén dirixo Radio Galega Música, Son Galicia Radio e a canle dixital de música infantil en galego Radio Picariña.

Cal cre que son as principais fortalezas da Radio Galega?
A proximidade e o localismo, é a referencia no ámbito xeográfico de Galicia, sobre todo cando suceden feitos excepcionais.

E as eivas ás que debe facer fronte?
Adaptarse ás novas fórmulas de consumo e á fragmentación das audiencias. Neste senso enfróntase a un apaixoante reto de captación de público novo, menor de 40 anos.

Xestiono toda a loxística de programas, dende a formación dos equipos ao deseño dos formatos

Que opinión ten sobre a radio por internet? É máis presente que futuro?
É presente. O 5% do consumo de radio en Europa é vía podcast. Non se trata aínda dunha porcentaxe moi elevada, pero marca unha tendencia e, ademais, responde a crecementos exponenciais. O usuario xa é activo, quere escoitar cando e onde quere o que obrigará a mellorar as ferramentas para a oferta e afondará na especialización de contidos. Nese senso, a Radio Galega goza dunha fortaleza, a súa especialización, o que a diferenza das demais, é o territorio.

Cal é a súa percepción sobre o estado de saúde da radio?
Foi o soporte que menos sufriu a crise de medios da última década, o que non significa que se salvara dela. Debe adaptarse ás novas formas de consumo, como os altavoces intelixentes, e combinar a oferta por FM con internet, camiñar cara á radio híbrida.

"Os xornais do quiosco dos meus pais foron o meu caderno de aprendizaxe de lectura"
Filla dos propietarios do emblemático quiosco de Castro sempre estivo rodeada de xornais e revistas. Influiu na súa elección profesional?
Desde logo. Os xornais e as revistas foron o meu caderno de aprendizaxe de lectura. Sempre quixen ser xornalista, dende moi pequena.
O deporte tamén é importante na súa vida. Continúa facendo ducias de quilómetros para adestrar e xogar co CB do Lea?
Si, e lonxe de cansar, eses centos de quilómetros danme vida. O club baloncesto do Lea, ademais de ser do mellorciño do concello de Castro de Rei, é a miña vía de desconexión.
Cando ten un oco libre, en que aproveita o tempo? Cales son as súas outras afeccións?
Ler e viaxar.
Un libro.
Memorias dun neno labrego.
Un grupo de música.
Depende do momento. Nun día podo viaxar dende Vetusta Morla a Xabier Díaz, pasando por Coldplay ou Caxade.
Un festival.
Calquera no que estea rodeada das miñas amizades. O último foi O Son do Camiño.
Un recuncho do seu concello.
O quiosco e a carballeira que o envolve.
Un soño por cumprir.
O do CB do Lea: #temosunsoño.

 

Tania Fernández Lombao: "A radio ten que adaptarse ás novas...
Comentarios