Susto sen danos en Vilalba ao desprenderse un anaco de recebo dunha fachada

O incidente resolveuse sen danos nin persoais nin materiais, máis alá dos do propio edificio
Os bombeiros acudiron ao lugar onde se produciu o desprendemento para revisar a fachada. M. ROCA
photo_camera Os bombeiros acudiron ao lugar onde se produciu o desprendemento para revisar a fachada. M. ROCA

A caída dunha parte do recebo dunha fachada na Rúa Plácido Peña provocou este sábado un pequeno susto en Vilalba, se ben o incidente se resolveu sen danos nin persoais nin materiais, máis alá dos do propio edificio, ao estar xa pechado un tramo da beirarrúa logo de detectarse a problemática existente fai uns días, tal e como explicaron dende a Policía Local.

Tamén se lle comunicara o risco á comunidade do edificio e este sábado, una vez se produciu o desprendemento, volveuse falar con eles, segundo precisou o concelleiro vilalbés Rodrigo Pavón, que avanzou que esta xa se puxera en contacto cun construtor para solucionar o problema e que xa estaba previsto iniciar as actuacións necesarias a vindeira semana.

Dende o Concello de Vilalba, por precaución, procedeuse a perimetrar unha zona máis ampla de beirarrúa da que xa estaba cerrada, limitando a circulación de peóns en toda a fachada do edificio, "porque tamén se detectou que había unha greta noutra parte", tal e como precisou Pavón. Así, restrinxiuse a circulación pola beirarrúa, deixando acceso aos portais, e habilitouse un paso peonil na zona na que estacionaban os vehículos.

Tamén se deu aviso do incidente á central de emerxencias do 112 Galicia para que mobilizase aos bombeiros do parque comarcal de Vilalba, que se achegaron a inspeccionar a cornixa afectada —un extremo dun saínte á altura do primero andar do inmoble—. Tras revisar a estrutura, en principio non aprezaron que existise risco de producírense novos desprendementos.

Comentarios