Susana Ferreiro: "Dirixir o centro é un reto laboral e de aprendizaxe"

Nacín, crieime e vivo nas Pontes, no barrio do Brixeo. Considérome unha persoa sensibilizada coas desigualdades e inxustizas sociais; ter traballado con colectivos vulnerables fíxome ver que a igualdade legal dista moito da igualdade real para moitas persoas.
Susana Ferreiro. M. Mancebo
photo_camera Susana Ferreiro. M. MANCEBO

Cando asumiu a dirección do centro sociocomunitario pontés?
Foi o 30 de outubro de 2023. Despois de moitos anos traballando no campo das necesidades educativas especiais, acababa de tomar posesión como educadora nun centro de menores cando xurdiu esta oportunidade. Aínda que a decisión foi persoal, recoñezo que profesionamente supón un reto e unha oportunidade, unha nova experiencia laboral e de aprendizaxe.

Que balance fai destes meses?
Foron sobre todo de adaptación: como funciona o centro, a súa xestión administrativa, coñecer as persoas usuarias...

Que actividades ofrecen?
Este trimestre están iniciadas as de memoria, ximnasia e informática avanzada en réxime de copago. En febreiro pasaron a estar activas as actividades para maiores gratuítas da Fundación La Caixa, que inclúen varios cursos de iniciación á informática, Amigos Lectores e En Forma. Ademais, o centro conta para uso libre cunha sala de lectura onde se poden consultar xornais diarios e unha sala de xogos dotada con dominó, baralla española, parchís, xadrez, damas...

Hai tamén algunha consulta?
Contamos co servizo de podoloxía, o cal está moi ben valorado polas persoas usuarias. Está dirixido a colectivos considerados vulnerables como persoas maiores, con discapacidade, pensionistas...

Unha das reivindicacións dos usuarios é que a cafetería poida retomar a súa actividade.
Leva pechada dende 2020, cando finalizou o contrato coa anterior concesionaria e non se volveu licitar por parte da xefatura territorial. Son consciente de que este servizo é unha necesidade sentida e manifestada polos usuarios, pero este trámite non se xestiona directamente dende aquí. Espero que ao longo deste ano se abra o procedemento de licitación e desde aquí fago un chamamento a aquelas persoas interesadas en tomar as rendas a que pasen polo centro para informarse.

Durante o pasado mes de decembro, dentro dun proxecto de talento interxeracional, leváronse a cabo varias sesións de baile e bingo. Como foi a experiencia?
Moi enriquecedora e gratificante, que evolucionou moi positivamente a medida que se foi implementando. Ao principio algunhas persoas mostrábanse reticentes a participar, a que alguén alleo viñera realizar unha actividade, pero segundo foron pasando as sesións esas reticencias transformáronse en implicación e xa preguntaban se terá continuidade este ano.

É un centro sociocomunitario, pero todavía hai quen o vincula en exclusiva á terceira idade?
Estes centros nos seus inicios estaban dirixidos a ofrecer servizos á xente maior, pero foron evolucionando e agora están abertos a toda a comunidade, aínda que prestando especial atención á prevención da dependencia e á autonomía persoal.

Algunha meta a conquistar?
Non sei canto tempo vou estar aquí, pero gustaríame polo menos conservar todo o acadado e, se é posible, aumentar actividades e colectivos de persoas usuarias.

Comentarios