Susana Cendán: "Hai que esixir paridade, na aula as mulleres son maioría, nos museos non"

Defende que a historia da arte que lle contaron estaba incompleta, porque pese a ser minoría, hai mulleres, "pero non se estudan", algo que trata de cambiar dende a docencia na universidade. Reivindicativa, fala de "non baixar a garda" porque o feminismo "é un work in progress"

Susana Cendán. EP
photo_camera Susana Cendán. EP

Ten unha risa que contaxia. Fai eco ao outro lado do teléfono e o que a escoita déixase levar polas súas palabras, que saltan da pasarela aos lenzos; reivindicativas, gañando espazos para a muller, cheas de mensaxe. A pontesa Susana Cendán estará esta tarde de volta para dar unha charla nas Xornadas de Outono de Hume, ás 20.00 horas na Casa Dopeso.

Pode dicir que vive da arte.
(Risas). Son profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, dependente da Universidade de Vigo. Cheguei como profesora asociada, man de obra barata, e despois de anos de esforzo conseguín a praza. Dou clase de Arte e Modernidade no Grao e de Estética e Historia da Moda no mestrado. Antes Moda tiña título propio.

A charla nas Pontes é estrea ou xa houbo unha primeira vez?
Falar nas Pontes impón moitísimo, tratarei de facelo o mellor posible. Hai moitísimos anos organicei unha exposición no Mercado Vello, que se habilitou en 1992 como sala de exposicións porque me empeñei cun proxecto moi interesante de artistas de vangarda como Laxeiro, Torres, Colmeiro ou Isaac Díaz Pardo, e coordinei algunha mesa. Podería dicirse que foi onde empezou a miña traxectoria como comisaria de arte. Tamén din unha charla no antigo casino sobre Luis Seoane.

E como entende o comisariado? É a ponte entre artista e público?
Enténdoo como un feito creativo, de investigación, busca de artistas... e cunha parte máis técnica de  coordinación, montaxe... Abarca moitos aspectos e leva un peso importante. Sobre todo se queres controlar tódolos detalles. 

Estivo dirixindo a programación do Torrente Ballester ou o departamento de educación do Centro Galego de Arte Contemporáneo. É máis fácil traballar dende dentro ou propoñer dende fóra?
É moito máis cómodo dende fóra. Estás de artista invitada. É moito máis difícil loitar con políticos e funcionarios, que o que fan é entorpecer o teu camiño porque non entenden o teu traballo.

Como enfoca a charla desta tarde?
Pensei en falar sobre a historia da moda relacionándoa coa percepción da muller, creo que é interesante. No século XIX elimínase o corsé, pero volve a costreñirse a silueta da muller ata que a chegada dos deportes vai liberando a silueta feminina. 

Hai sexismo na moda? 
A moda coñecémola e estudámola polas clases altas e é un marabilloso escaparate para ver que a muller era un muestrario do poderío económico do seu marido. Pero  tamén houbo mulleres que grazas á súa forza conseguiron cambiar as cousas. O feminismo é un ‘work in progress’ que ten que seguir porque o machismo está en todo, a linguaxe tamén é perversa e hai que revisala.

Na moda segue o sexismo?
Penso que si. Temos a simboloxía do pantalón. A muller a mediados do século XIX empeza a usalo, foi unha revolución que puxo os pelos de punta ao mundo patriarcal. Pero os homes poderían levar faldas con normalidade e non o fan. É un dos únicos campos nos que están en desvantaxe. Continúa sendo algo raro, e por que?

E na arte en xeral? No Museo do Prado hai máis de mil cadros expostos, sete ou oito de mulleres. Queda moito por facer?
Moitísimo. A historia da arte que me transmitiron cando estudaba era unha historia restritiva. Non é certo que non haxa mulleres, pero non se estudan. É unha historia incompleta. Son unha minoría, non podían acceder ás escolas... pero están aí. Agora son profesora, na aula a maioría son mulleres, pero nos museos e  coleccións seguen a ser máis representativos os homes. Non hai que baixar a garda e hai que esixir paridade. As mulleres seguimos levando un peso maior na casa, cos fillos, debemos sacrificarnos, metéronolo en vea, e a eles non.

Imos á pasarela. A moda é arte?
Non se entende como arte en xeral, tampouco sei se é correcto percibila así, non establezo ese tipo de barreiras. Si que hai deseñadores moi relacionados coa arte, pero creo que o que se comparte é a  creatividade. A moda é unha disciplina moi marxinada en España. O Museo do Traxe de Madrid ten exposicións moi canónicas e é difícil entrar nos museos. En cidades europeas hai exposicións de moda para alucinar. Aquí é imposible. Non se considera rendible. E as escolas funcionan dende hai pouco, pese a que a industria supón moito xa só en Galicia.

A forma de vestir fala de nós?
Totalmente comunica. A indumentaria axuda a construir a nosa identidade. Pensemos en Castelao, por exemplo. Coñecémolo a través de catro complementos e perviviu a través do tempo. Sucede con outros: Dalí, Picasso, Warhol... E algo que me interesa moito e estou investigando. 

Algún proxecto en mente?
Si, pero é difícil. Dalgún non se pode falar e Galicia non está a vivir un bo momento. A crise afectou ás institucións e hai poucos lugares que acepten proxectos  concretos.

Como se desfruta mellor a arte?
Confeso que me encanta ir soa a  un museo. E nalgúns casos o que fago é contratar unha audioguía. Ir acompañada pode ser bo sempre e cando a compañía non sexa o típico petardo que cuestiona todo.

Un iso faino calquera ou iso non é arte?
A arte é como as matemáticas, necesita unha aprendizaxe. Non é chegar e encher.

"Propóñolle ao Concello vilalbés declarar a tarta das Anduriñas Patrimonio da Humanidade"
Natural das Pontes. Que relación ten coa súa localidade natal?
Vivo en Pontevedra pero As Pontes é o meu pobo, ao que quero e onde está a miña familia, os meus amigos, a miña gata... E teño raíces en Vilalba, de onde eran meu avó e o tío Tito (Bernardo García
Cendán). Boto de menos o seu sorriso e os seus abrazos. Era un ser especial.
O seu coa arte é innato?
Si. Cando estudaba na Pardo Bazán nas horas mortas flipaba cos autores do Renacemento. Críame
súper artista e non o era.
Se falamos de moda, un nome?
Non me interesan as tendencias, gústame a moda en canto espello da realidade. Quedaríame con Victor&Rolf.
E se falamos de pintura?
Nono Bandera e Almudena Fernández Fariña, pero hai mil.
Un cadro?
Pequeña serenata nocturna, de Dorothea Tanning.
Un museo que hai que ver?
O Prado, hai que velo si ou si.
Existe o Síndrome de Stendhal?
Non me cheguei a desmaiar pero levitei nalgunha exposición.
Que é o mellor da docencia?
Divertirte cos teus alumnos. Ríome moitísimo con eles.
Algo que destacar, con liberdade.
Quero propoñerlle ao Concello de Vilalba que declare Patrimonio da Humanidade a tarta de améndoa das Anduriñas. A tenda é divina. 

Comentarios