LOLI DARRIBA

"Supón unha perda económica moi grande que non haxa Moexmu nin Festa da Filloa"

A nova presidenta da Asociación de Empresarios de Muimenta estréase no cargo nun difícil momento
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Loli Darriba

Loli Darriba, de Autocares Darriba, empresa familiar na que leva máis de 15 anos traballando, vén de asumir a presidencia da Asociación de Empresarios de Muimenta, un "equipo" en cuxa xunta directiva a acompañan como vicepresidenta Ana Iglesias (Desexos), como secretaria Pilar Morán (discoteca Hermo), como tesoureira Carmen López (salón de peiteado) e, como vogais, Nancy Maseda (fisioterapia) e Orencio Fontela (panadería Hermo), a quen sucede no cargo e ve coma un "referente". A entidade, fundada en 2009, suma 51 socios de todos os sectores, aínda que cunha destacada presencia gandeira.

Que obxectivos ten a asociación?

Somos un grupo que, pola falta de novas empresas, temos un obxectivo claro polo que levamos moitos anos traballando: facer cousas polo pobo e facilitarlle as cousas aos profesionais, empresas e autónomos. Compartimos un problema común, a falta de xente no rural, o que conleva a falta de clientes, malia que Muimenta sexa unha zona moi céntrica. Queremos reavivar o comercio local e gustarianos que nos propoñan ideas e nos transmitan as súas necesidades. Por exemplo, o Mercado de Nadal, que se fai case dende os inicios da asociación, ten unha gran resposta por parte dos comercios e da xente.

Como están a afrontar a crise do Covid-19?

O día que tivemos a xunta, o 11 de marzo, aínda non empezara todo isto e ningún de nós levaba na cabeza o do coronavirus, pero alí empezouse a falar, xa había dúbidas sobre a Moexmu e á saída xa eramos todos moito máis conscientes do que nos esperaba. Esto é todo unha cadea que lle afecta a moita xente e nós estamos traballando en ideas e poñendo cousas en común con outras asociacións do pobo, a Anpa colabora para facer pantallas, unha antiga socia, Carme Goás, fixo mascarillas... Son moitas as empresa que solicitaron Ertes... Temos que unirnos máis ca nunca e tirar por Muimenta.

Levan a cabo algunha iniciativa?

Queremos axudarlle aos empresarios, por iso tentamos axudalos a ter medidas de protección. Tamén falamos coas entidades financeiras por temas que preocupan aos socios, coma as liñas Ico, e apoiamos propostas coma MercaNaTerraChá, unha boa iniciativa que creou unha veciña e á que se está a sumar moita xente de Muimenta poñendo a información dos seus negocios. Son pequenas cousas que poden ser de moita axuda, como os negocios de restauración que fan comida para levar ou a proposta do supermercado A Tenda de Theo, que ten un carro da compra na entrada para que quen queira deixe alimentos e quen os precise, os colla. E polo Día da Nai tamén hai varios negocios que se ofrecen a facer reparto de agasallos a domicilio. Pola nosa parte tentaremos traballar e apoiar novas ideas, porque despois do coronavirus tamén imos necesitar novas iniciativas para saír adiante.

Que medidas cre que se deberían adoptar unha vez pasada esta situación?

Necesítase moita axuda a nivel institucional e ademais, ten que ser rápida. Agora hai moita xente no paro, en Erte, e parece que ata o 10 de maio o Sepe non vai ingresar marzo. A axuda ten que ser xa, porque a xente está cansada e necesítase dar aire para renovar este ambiente de incerteza.

Que supuxo a cancelación da Moexmu e da Filloa?

A nivel económico, moitísimo, porque son días nos que Muimenta se enche de xente e teñen repercusión na hostalaría, nos supermercados, na gasolineira, etc. É unha perda moi, moi grande. Por exemplo, coincidiume falar con algún propietario dun bar que me comentaba que, vendo como estaban as cousas, se isto se prolongaba e non se podían celebrar e tamén se perdían as festas do pobo, xa non lle compesaría abrir ata o próximo verán. E a todo isto úneselle o que supón a nivel social, porque todos iamos colaborar e agora parece que che falta algo. Estes días hai unha iniciativa para que a Festa da Filloa estea un pouco viva nas redes, animando a que a xente suba fotos e manter o espírito da festa.

Tentarán recuperalas este ano ou xa pensan en 2021?

Aínda non hai nada decidido, a comisión organizadora non quere tomar unha decisión mentres non remate o estado de alarma.

Comentarios