domingo. 07.06.2020 |
El tiempo
domingo. 07.06.2020
El tiempo

Sotavento recupera as actividades presenciais e potenciará o seu contorno

Parque eólico experimental Sotavento de Xermade. AEP
Parque eólico experimental Sotavento de Xermade. AEP
O parque eólico experimental xermadés reabre as súas portas coa idea de promover visitas a un aeroxerador, a unha mámoa ou roteiros     

O parque eólico experimental Sotavento de Xermade reabrirá hoxe as súas portas para recuperar a actividade presencial, logo de máis de dous meses ofrecendo contidos educativos e divulgativos de xeito telemático. Nesta nova etapa, ademais de extremar as medidas de seguridade, o departamento de divulgación aproveitará o seu contorno privilexiado para potenciar as visitas exteriores.

Sotavento conta "con espazos abertos que garanten o distanciamento social e un equipo de educadores con ampla experiencia capaces de adaptarse a calquera realidade", apuntan dende o parque. Destacan ademais que estas singulares características "posibilitan unha continuación segura das actividades" encamiñadas a dar a coñecer as enerxías renovables e as potencialidades do aforro e da eficiencia enerxética.

Dentro da súa estratexia de volta á normalidade, prevén promover as visitas a unha mámoa reconstruída, das 13 que se atoparon cando se fixo o parque, para dar a coñecer as súas partes e as claves da súa construción; achegarse á base dun aeroxerador e descubrir o seu interior ou familiarizarse co funcionamento dos vehículos eléctricos. Outras opcións serán percorrer a Ruta do Vento e descifrar o segredo de El Quijote no contorno natural presidido polo inicio das Fragas do Eume.

O equipo educativo lembra tamén a existencia de outras exposicións, coma as de papaventos ou muíños, xunto ao coñecido como Museo das Pedras, ademais de seguir utilizando os seus 1.500 metros interiores.

Neste pódese profundizar no funcionamento das enerxías renovables a través de maquetas, paneis ou explicacións, coñecer instalacións enerxéticas antigas e modernas, entre as que figuran varios aeroxeradores, entre eles o primeiro en conectarse á rede en España, ou a vivenda bioclimática intelixente, na que se aplican diversos sistemas de aforro.

"A propia crise sanitaria e as posibles relacións entre a actividade humana no medio e o avance da pandemia volven poñer de manifesto a importancia do enfoque sostible que debe presidir a nova realidade", precisan desde o parque eólico experimental. Inciden tamén en que «a enerxía é unha das necesidades básicas do ser humano», pero tamén "constitúe unha das principais causas de destrución do medio ambiente", salientando que o seu "uso eficaz é de vital importancia para o futuro". Isto é o que tratan de transmitir dende Sotavento, un parque cuxo labor está avalado pola Unesco.

As visitas a Sotavento poden xestionarse chamando por teléfono ao número 981.56.37.77 ou a través do Whatsapp no 652.80.81.73, número ao que tamén se poderá recorrer para solventar calquera dúbida sobre a xestión e a organización das actividades divulgativas no parque eólico experimental de Xermade. O "excepcional" comezo do ano en canto a número de visitantes, superando as 3.500 persoas en só tres meses, axudaron a paliar o obrigado peche pola pandemia, polo que a media do primeiro cuadrimestre é similar á de exercicios anteriores.

Retos de interese para máis de 8.000 persoas
A área educativa reorientou as actividades logo de decretarse o confinamento e durante máis de dous meses as redes sociais foron o vehículo de distintas propostas, algunhas con grande éxito, coma uns retos que espertaron o interese de máis de 8.000 persoas.
Contidos
Como funciona, Sabías que... ou Eficonsellos foron algúns dos contidos diarios deseñados para continuar cos labores divulgativos de Sotavento.
Lúdico
Outras iniciativas relacionadas co parque tiveron carácter máis lúdico, coma obradoiros, xogos, ‘scape room’ educativas ou pasatempos.

Sotavento recupera as actividades presenciais e potenciará o seu...
Comentarios