A sorte de tres contadores de historias

Os irmáns Pepe, Carlos e Jorge Coira, naturais de Rábade, con raíces chairegas e coñecidos polo seu labor no mundo audiovisual e literario, inauguraron, xunto a familia e amigos, o XVII Hectómetro Literario do vilalbés Paseo dos Soños
Os tres homenaxeados, coa súa familia. C. PÉREZ
photo_camera Os tres homenaxeados, coa súa familia. C. PÉREZ

Todo comezou co señor Emilio, transportista que co seu camión cubría a liña Mondoñedo-Rábade e a quen lle encantaba contar historias. Para cada curva e cada casa tiña a súa, tantas, que case non lle daba nin tempo a acabar unha para empezar a seguinte. O señor Emilio paraba na casa de Leiras, e alí coñeceu á señora Amparo. E tiveron a Amparito, a orgullosa nai do clan Coira, que este sábado era testemuña directa da entrada de tres dos seus sete fillos, Pepe, Carlos e Jorge, no Paseo dos Soños de Vilalba como protagonistas do XVII Hectómetro Literario de Vilalba.

"A inmensa fortuna foi nacer nesa casa de Leiras, crecer na diversión, na confianza e na liberdade", aseguraba Pepe tras contar a historia do seu avó materno, lembrando tamén a de seu pai, chairego de Begonte, fillo do médico de Trobo, profesión que continuou, aínda que tamén era un gran namorado do cine.


Pepe, que comezaba no mundo laboral como "corrector de erratas", e desenvolve oficios de mestre, guionista ou produtor, confesou sentirse afortunado por poder "traballar dende as historias". Amosaba tamén o seu agradecemento a Xermolos e á Irmandade Manuel María –promotores da iniciativa, co apoio do Concello de Vilalba– por "cometer un erro así de gordo" como o de incluílos no club de Paco Martín, Agustín Fernández Paz ou os irmáns Chao.

"Que sorte temos!", incidía sobre ese factor fortuna no que quixo facer fincapé no Muíño do Rañego, en compañía dos amigos e da familia, da que forman parte eses catro irmáns que herdaron o gusto polas ciencias do seu pai, o médico, e a súa nai, a boticaria. "Eu estou aquí en representación do resto dos irmáns", bromeaba á súa vez Carlos, por ter empezado Químicas nun "ano de transición" antes de dedicarse ás letras como libreiro, á fronte da librería Trama de Lugo, que abría en 1997 xunto a dúas socias.

unha gozada pertencer a este clan", aseguraba o penúltimo irmán, dándolle continuidade o guión iniciado por Pepe, antes de cederlle a palabra e o desenlace ao benxamín, Jorge, quen confesaba ter licencia especial, por iso de ser o máis novo, para ser a "ovella negra" da familia.

"Dá gusto que che fagan algún recoñecemento, e máis cando é na casa e coa xente próxima, dá gusto que alimenten a querenza por unha familia á que non podo estar máis orgulloso de pertencer", aseguraba, sen esquecerse da localización, unha terra que xera "carácter".

Andaina cara ao Paseo dos Soños, acompañada polos músicos. C. PÉREZ
Andaina cara ao Paseo dos Soños, acompañada polos músicos. C. PÉREZ

Incidía tamén na importancia de contar historias, para "que poidamos xuntos divertirnos, emocionarnos e reflexionar sobre outras miradas e outras formas de vivir". Ver a vida dende outros ollos, "un elemento absolutamente clave para poder comprender mellor o mundo, poder xerar empatía cos demais e algo de solidariedade, que anda o mundo moi necesitado", pechaba Jorge, agradecendo ese "regalo" en forma de monolito pétreo, tallado polo artesán vilalbés Marcos Ladra con deseño de María Guerrero.

Das razóns que fan merecentes aos Coira dese XVII Hectómetro Literario deron conta, moderados por Xulio Xiz, varios relatores, entre eles o vilarego Xosé Antón Cascudo, escritor, director de cine e profesor de Ciencias da Comunicación. "Representan o paradigma da nosa cultura, da cultura chairega, traballan cos elementos máis locais e sábenos levar ao global", dicía, destacando a autenticidade de "tres persoas que fan cultura", dúas dende o audiovisual e a outra como libreiro, unha profesión moi relevante, pois dos libros "bebemos todos".

Coma unha voz en off sumábase o actor Luis Iglesia –un compromiso persoal impedíalle estar presente–, para gabar a "capacidade de soñar e a vontade de facer" dun "arquitecto canteiro", Pepe; e a "humildade e determinación" dun home de "sorriso amplo" e "mirada escrutadora", Jorge, sempre disposto a aprender.

Manuel Curiel, crítico cinematográfico e director da Semana de Cine de Lugo, adiantaba que en setembro a edición número 45 deste evento se dedicará aos Coira, coa publicación dun libro, a súa entrada no Paseo do Cine, unha exposición ou unha retrospectiva con películas elixidas pola primoxénita da tribo, Amparo.

Curiel repasou a longa traxectoria, xuntos ou por separado, que xustifica as homenaxes tanto luguesa como chairega, dende as obras máis recentes, coma Rapa, Hierro ou Código emperador, ata a primeira película dirixida por Jorge, O ano da carracha, ou moitas series xa míticas da TVG.

Máis tamén houbo actuacións estelares previas, que quizais non chegasen á gran pantalla pero de seguro tiveron o seu aquel. De pór exemplos encargouse o amigo e alcalde en funcións de Rábade, Francisco Fernández Montes, que non puido deixar de comentar o primeiro papel de reparto, que case acabou por ser protagónico, de Jorge como anxo no portal de belén, ou a boa disposición de Carlos, o mago, para actuar en Rábade nas orixes do festival folk.

"É un gran acerto escoller a estas persoas para algo tan emblemático, que nos vai a sobrevivir a nós no tempo", aseverou, sen poñer "un pero en ningún" deles e destacando entre as súas calidades "a humildade e o equilibrio", esas que fan que máis alá de premios, traxectorias ou carreiras de éxito, os Coira sexan eses veciños de toda a vida sen os que non se entendería a sesión vermú de Rábade.

Comentarios