Sons que van de Goía a Férvedes

Xoán Cabana é de Fene pero tan namorado quedou de Xermade que creou un disco do máis especial con temas dedicados a lugares do municipio chairego. Verá a luz a finais de setembro
Xoán Cabana, en Xermade. S. IGLESIA
photo_camera Xoán Cabana, en Xermade. S. IGLESIA

A Xoán Cabana pouco máis lle soaba Xermade que de velo nos sinais cando ía de paso cara a algún lado. Daquela, quen lle ía dicir a aquel rapaz nacido en Maniños, unha parroquia de Fene, que acabaría dedicando un disco case completo a Goía, á Pena Grande de Férvedes, á serra da Carba e a Invernés, xa en Muras.

Xoán descubriu Xermade e todos os seus tesouros da man da súa parella -xermadesa de nacemento- e tanto o debeu de engaiolar que cando colle unha guitarra nas mans deixa de ser Cabana para ser Goía. "Foi un descubrimento total, pero deume pena o esquecido que está. Por exemplo a Pena Grande de Férvedes, onde hai 17.000 anos había alguén refuxiado, observando os animais, agora está sen indicar, desprotexida", di con algo de pesar este artista que está ultimando o seu último traballo, Jeih as daeed. "Significa 50 en gaélico manés, da illa de Mane, e vén porque vou cumprir 50 anos en novembro, así que era algo moi bonito e necesario facer este disco", explica.

Son 14 temas, que verán a luz a finais de setembro, nos que o músico aposta todo a unha: a guitarra, ben clásica, ben acústica. "É complicado, porque ela ten que ocupar todo o espazo", di sobre unhas cancións que comezaron a saír coa pandemia: "Pasei dous meses no piso só, sen nada que facer, e non me quedou outro remedio. Collín a guitarra e saíron cousas".

A inspiración veulle de todo aquilo que viu coa afillada da súa moza durante un percorrido para facer un traballo sobre lugares prehistóricos, pero o de observador xa lle viña de antes. "De pequeno ía con meu pai por Maniños e alí había un castro tremendo, onde logo foi levantado Astano", rememora sobre unha infancia na que tivo o seu primeiro contacto coa música, aos nove anos co laúde e estudando guitarra clásica.

Máis tarde, e con algo de experiencia ás costas, Xoán comezou a tocar en grupos e nos últimos tempos formou parte de Rockaway -tributo aos Dire Straits cos que estivo no mítico Fardela de Vilalba- e Bitter Cans. Ata hai catro anos, cando retomou de novo a acústica e a clásica nunha especie de volta ás orixes. "Quedei algo canso de facer letras e dos grupos, porque nestes que son pequenos hai un montón de traballo. Ademais de tocar tes que levar e recoller todo o material, é duro", recoñece desde a tenda de instrumentos que rexenta en Ferrol.

EN SOLITARIO. Agora Xoán Goía emprende unha carreira en solitario, aínda que non descarta volver tocar en compañía. Polo menos, para o directo de presentación do seu disco Jeih as daeed, no que contará con baixo e percusión, tal e como avanza un músico que bebe de múltiples estilos, desde o country ata o folk, pasando por Milladoiro, Mark Knopfler, Berrogüeto ou Morgan, pero tamén Tanxugueiras e Mercedes Peón.

Sen pretendelo, o de Maniños creou un disco pedagóxico que invita a coñecer sitios desapercibidos para moitos ollos. "Os sitios máis especiais?", pregúntase, "que difícil, son moitos". Malia todo, comeza a numerar: "Férvedes, que chegas alí e contemplas todo o val, é algo impresionante. Tamén a Neveira de Lousada, onde gardaban o xeo para levar a Ferrol, o monte Goía, que desde alí ves toda a Terra Chá... En xeral, todo o valor arqueolóxico e paisaxístico de Xermade tenme namorado", acaba recoñecendo Cabana, quen polo de agora acode varios días á semana á Chaira pero que, nun futuro, ten previsto quedar a vivir nela.

Comentarios