Sons e divertimentos no castro de Viladonga

Os asistentes á celebración da tradicional Noite dos Museos practicaron cos xogos populares de Xotramu e gozaron das músicas de La Trova Coruñesa e Son de Corda
Kiko, de Xotramu, explicando o funcionamento dun xogo. C.PÉREZ
photo_camera Kiko, de Xotramu, explicando o funcionamento dun xogo. C.PÉREZ

"Cando eu era chaval, non había quen me ganase", di rindo o ferrolán Paco Fernández, logo de amosar a habelencia que aínda conserva para facer bailar unha buxaina. E prometía ir pouco despois probar a chave, deporte tradicional do que tamén foi campión.

A escena tiña lugar diante do Museo do Castro de Viladonga, nese momento de fusión de historia, de vivencias, de experiencias e de lembranzas que sempre supón a celebración da Noite dos Museos. Alí, Paco andaba a probar algúns deses xogos de sempre cos que o colectivo Xotramu de Muimenta entretivo aos asistentes, xusto antes de comezar a actuación co grupo do que é un dos seus 14 integrantes, La Trova Coruñesa, que facía o seu debut neste evento ao tempo que abría a xira de 2023.

"Es la primera vez en el castro y esperemos que no sea la última, porque es alucinante, nos encantaría repetir", explicaban dende unha formación que basea o seu repertorio nas cancións tradicionais dun e do outro lado do Atlántico, tocando diferentes xéneros tanto actuais coma cos que retroceden ata os anos 80.

Algúns dos compoñentes de La Trova Coruñesa. C.PÉREZ
Algúns dos compoñentes de La Trova Coruñesa. C.PÉREZ

Un pouco máis atrás viaxaban no tempo os integrantes do cuarteto lugués Son de Corda, que ofrecían un concerto de música clásica xusto antes dos tradicionais pestiscos e da queimada coa que se pechan uns actos cos que colaboran a Asociación de Amigos do Museo e Castro de Viladonga e o Concello de Castro de Rei.

"Viñemos o ano pasado, gustounos e por iso volvemos este ano", dicía José Luis Rielo, de Castro, que acudiu coa súa familia para gozar dos diferentes espectáculos e tamén para que as súas netas probasen a xogar como se facía antes.

Viladonga tamén conmemorou o xoves o Día dos Museos, no que máis de 200 escolares de colexios de Castro, da Pastoriza, de Negueira de Muñiz e de Lugo (Cervantes), gozaron dunha entretida actividade de orientación no castro a cargo da empresa Tric Track Outdoor Sport.

Asistentes, practicando cos xogos. C.PÉREZ
Asistentes, practicando cos xogos. C.PÉREZ

Comentarios