Un soño que comeza por todo o alto

Yanira Guizán, da EDM Concello de Guitiriz, e Aroa Rodríguez, do Grupo Forma-t Vilalba, enfrontaranse a Portugal en dous amigables defendendo a camiseta da selección española sub-17
Yanira e Aroa, coa selección galega. EP
photo_camera Yanira e Aroa, coa selección galega. EP

A elite do fútbol sala. Un lugar ao que milleiros de nenos e de nenas soñan con chegar, para vestir de corto en pavillóns cheos de xente, enfrontarse a rivais do máis alto nivel que te obrigan a espremer cada gota de calidade e a esgotar as reservas de enerxía en cada partido e te levan a aprender e a compartir momentos con compañeiras e adestradoras con experiencias a nivel mundial.

Un soño que Yanira Guizán, porteira das EDM Concello de Guitiriz, e Aroa Rodríguez, ala do Grupo Forma-t Vilalba, empezan a converter en realidade coa súa primeira chamada á selección española sub-17. E non é unha calquera, xa que lles vai permitir vivir dende dentro unha concentración no estranxeiro, en Boticas, Portugal, e enfrontarse en dous amigables ao combinado luso.

Ademais, traballarán ás ordes de Clàudia Pons, adestradora que gañou tres eurocopas á fronte da absoluta, e que foi recoñecida como mellor seleccionadora do mundo no ano 2021.Unha experiencia que afrontan con "moito respecto e sobre todo con moita ilusión", explican as xogadoras, á vez que amosan as súas ganas por aprender e por demostrar do que son capaces.

"Mandáronme unha mensaxe na que me dicían que estaba convocada mentres estaba no instituto e pasei unha hora en shock, xa que me colleu de sorpresa total, non sabía nin que ían dar convocatoria", di Yanira, recordando o momento exacto no que se decataba da noticia. O caso de Aroa foi similar, pero foi o seu adestrador o encargado de darlle a nova, que a deixou incrédula, algo que co paso dos minutos mudou en "mucha alegría y muchas ganas".

E aínda que din que os soños sempre se cumpren, ningunha das dúas rapazas esperaba a chegada da convocatoria. "Siempre piensas en la posibilidad pero es muy difícil y va muy poca gente", afirma Aroa. Yanira, consciente diso, engadiu que "soñaba con que chegase, pero non tan cedo nin neste momento".

As dúas rapazas, amigas e compañeiras na selección galega, coa que xogaron o campionato de España, están felices por poder compartir a experiencia xuntas e demostrar o nivel do fútbol sala chairego a nivel internacional. Están ademais convencidas de amosar a súa mellor versión e tentar facerse un oco en futuras listas.

Toda esta aventura comeza este domingo 2, día no que viaxan e teñen o seu primeiro adestramento. Ao día seguinte contarán con outras dúas sesións, e o 4 e o 5 terán o seu ansiado debut coa camiseta da selección, en dous duros enfrontamentos ante Portugal.

Comentarios