Un soño cumprido ao son da gaita

O desexo de hai unha década de Xosé Seivane de doar un dos seus instrumentos ao seu concello natal fíxose realidade o domingo no peche dos actos polo centenario do seu nacemento
Susana Seivane fai soar por primeira vez a gaita doada. Á dereita, Benedicto Seivane, irmán de Xosé. CP
photo_camera Susana Seivane fai soar por primeira vez a gaita doada. Á dereita, Benedicto Seivane, irmán de Xosé.

Tivo que pasar máis dunha década para que aquel desexo emocionado que fixo Xosé Seivane cando se lle dedicou co seu nome a Casa da Música da Pastoriza se cumprise. El non puido velo, pero de seguro que todos os asistentes ao acto que onte pechaba a conmemoración do centenario do nacemento do artesán notaron a súa presenza, sobre todo no momento no que esa gaita do seu obradoiro que se comprometeu a doar ao seu concello natal soou por primeira vez, da man, precisamente, da súa neta Susana.

Houbo que esperar, pero por unha boa razón. Porque esa gaita non só é especial por levar o selo da estirpe dos Seivane, senón porque toda ela nace das raíces do músico, pois está feita dun buxo que prantou Francisco, pai de Xosé, na casa natal de Fonmiñá. Coa súa entrega oficial ao Concello deu comezo unha homenaxe entrañable na que estiveron moitos dos familiares que aínda viven na Pastoriza, como o seu irmán Benedicto.

O alcalde, Primitivo Iglesias, agradeceu "profundamente este agasallo" e destacou que Seivane tiña "unhas raíces fortemente ancladas na Pastoriza", aínda que a vida o levou por outros lugares. Algo que corroboraron os seus propios fillos ou a sua neta Susana, que recordou todas as veces que lle falaba da súa casa natal.

"Noso pai sempre nos falou da Pastoriza. Viviu aquí un tercio da súa vida e aquí confeccionou parte do seu repertorio", afirmou o seu fillo Álvaro, que tamén fixo mención a que lle gustaba moito escoitar aos vellos gaiteiros e que soupo conxugar á perfección os coñecementos de ebanista do seu pai Francisco e o bo oído e a tradición da súa nai Estrella.

Neste acto de lembranza, tamén houbo espazo para falar do libro Xosé Seivane. A gaita con maiúscula, de Xosé Manuel Sánchez Rei, un "monográfico absolutamente referencial" sobre a vida e obra do artesán, segundo Xurxo Souto, condutor da homenaxe.

Tamén houbo un recital con melodías compostas e recompiladas por Xosé Seivane en tributo ao grupo que el mesmo fundou ao instalarse en Ribeira de Piquín, Airiños da Ribeira, da man de Daniel Bellón, Pedro Lamas, Carlos Freire e Susana Seivane, que deu a coñecer, xunto co seu fillo Fiz, a súa irmá Saínza e sobriños Brais e Maren, o seu último disco, "Dende o meu balcón", con pezas interpretadas durante o confinamento.

Así, uníronse pasado, presente e futuro, para recordar a un artista que "cambiou a cultura galega dotando ao símbolo maior do noso país, a gaita, desa excelencia que permite que os grandes talentos do noso país viaxen polo mundo para entregar tanta riqueza e cultura", concluíu Souto.

Comentarios