sábado. 26.09.2020 |
El tiempo
sábado. 26.09.2020
El tiempo

Lorenzo Tomé: "Se a sociedade a nivel mundial fose máis xusta, seriamos máis fortes"

José Lorenzo Tomé. EDUARDO CASTRO BAL
José Lorenzo Tomé. EDUARDO CASTRO BAL
A súa última novela, ‘Bergan’, retrocede máis de tres décadas e volve as orixes literarias do autor de Guitiriz, ‘A cidade branca’

José Lorenzo estudou Bioloxía, pero o seu gusto pola filosofía levouno a licenciarse tamén nesta especialidade, na que exerceu a docencia ata a súa xubilación, nos últimos anos no IES Miraflores de Oleiros, localidade na que vive dende hai dúas décadas e onde pasou un confinamento que, di, non é o máis acaído para escribir, pola "falta de liberdade e de movemento, que é básica". Todo o contrario a eses días grises, de temperatura suave, con néboa e ambiente húmido, os seus favoritos para contar historias.

A súa última novela, ‘Bergan’ (Baía Edicións, 2019) volve ás orixes, a ‘A cidade branca’ (Xerais, 1987).
É unha reescritura desta e é unha historia que ten moito que ver coa mitoloxía chairega e galega, combinada con outras, e co contorno xeográfico de Guitiriz e de toda a Terra Chá. É a historia da iniciación dun rapaz que descobre que hai unha cidade asolagada onde vive e, para saber como aconteceu, inicia unha viaxe na que recolle narracións e fala con personaxes que lle contan como foi Dóniga e por que se veu abaixo.

Parece que hai moito de Guitiriz nestas obras e na súa literatura.
Por suposto, é unha parte moi importante. É o resultado de escoitar conversas e de saír de paseo cos amigos polo monte e parar nunha aldea onde contan historias, e empezas a descubrir os castros, os mouros... e quedas marabillado. Vas descubrindo que, debaixo do que un está vivindo, hai unha realidade moi profunda na cultura galega e se iso o mesturas con lecturas doutras literaturas, vas conformando un mundo.

Que o levou a escribir?
O estar tan entusiasmado, nun momento dado, con todas esas historias e o querer levar ao papel o seu espírito. A cidade branca foi escrita nos 70, cando estaba impregnado de inquietudes filosóficas, políticas... E co tempo transformouse en Bergan.

E entre medias chegaron ‘Delourando os días (Axóuxere, 2015) e ‘Alma. Un sopro de aire fresco’ (Baía Edicións, 2018).
Alma é diferente, conecta a historia de Walter Benjamin, que se suicidou na fronteira española cando fuxía dos nazis, coa das irmáns Touza de Ribadavia, que salvaban xudeus. Imaxino o que tería ocorrido se el seguise o camiño polo norte de España de outros moitos xudeus e serve para contar a historia da protagonista e falar daquela época. E ‘Delourando’, que é un libro cun formato exquisito porque Axóuxere coida moito a estética do que publica, recrea os anos estudiantís en Santiago, na época anterior á Transición e na Transición.

Algunha obra máis en proxecto?
Teño rematada unha novela curta que se titula Non debeu faltar, a ver se teño sorte e ma publican, porque non é sinxelo. É unha historia real, de amor, ambientada nun momento histórico nos anos 50, 60 e 70.

Publica en galego, cal é a razón?
Non teño unha motivación política e creo que escribo con máis soltura en español, pero móveme a proximidade e a simpatía pola literatura oral e por esas conversas que me quedaron gravadas no hotel que tiñan meus avós, polo que pasaba moita xente. Ese murmurio de fondo foi o que me impregnou, o que en termos sociolóxicos se chama o mundo da vida.

Falamos de narrativa, pero tamén ten publicados varios ensaios.
Si e un dos libros dos que estou máis contento é o dedicado a Theodor W. Adorno, un filósofo dos anos 40 e 50, da escola de Franckfurt, que foi un xenio da filosofía e da literatura, cunha enorme sensibilidade social e estética, un pensador para pensar o mundo actual, fundamental, igual que Jürgen Habermas, que foi o seu discípulo e sobre o que fixen a miña tese.

Como definiría a crise actual dende un punto de vista filosófico?
poñeríao no contexto de que a partir dos anos 80 e 90, en todos os países, se reduciu a fiscalidade e o gasto público en sanidade e en educación. Moitos servizos públicos, que tiñan que estar ben atendidos, non o estiveron, como a ciencia, onde non se fixo o investimento necesario. Se houbese unha preparación previa nestas áreas, a sociedade estaría atenta a este tipo de situación e estariamos máis preparados, pero había un certo abandono e colleunos débiles porque non se puxeron os medios. Xérase unha sociedade de risco como resultado da sociedade industrial, con moitas ameazas. A pandemia está aí, pero seriamos máis fortes se a sociedade a nivel mundial fose máis igualitaria, máis xusta, seriamos máis fortes fronte a enfermidade.

Vostede estudou bioloxía ademais de filosofía, compleméntanse ou contrapóñense?
Compleméntanse moi ben e creo que, para quen se dedique á filosofía, é bo empezar con outra carreira, algo diferente. A formación en ciencias permíteche ter unha maneira de entender a realidade e a filosofía ten que apoiarse niso, no coñecemento doutras áreas, senón é superficial. A filosofía é darlle a volta, pero con esa base.

Lorenzo Tomé: "Se a sociedade a nivel mundial fose máis xusta,...