REGINA POLÍN, EXALCALDESA DE GUITIRIZ QUE RECIBE UNHA HOMENAXE

"Síntome orgullosa da Ruta da Auga e de todo o traballo feito en servizos sociais"

O restaurante guitiricense La Casilla acolle hoxe, sábado, unha comida en homenaxe á que foi alcaldesa de Guitiriz durante doce anos. Familia, veciños e amigos xuntaranse para clausurar un ciclo político sobre ao que a súa protagonista lle gustaría escribir un libro
Regina Polín. M. ROCA
photo_camera Regina Polín. M. ROCA

O ser mestra levouna hai catro décadas a Guitiriz e xa non se iría, salvo para cumprir cunha das súas paixóns, viaxar. Quizais agora, tras 16 anos centrada na política, teña tempo para ese cruceiro polo Mediterráneo que arela. En 2003, o PSOE escollíaa para liderar unha renovada lista que acadou o que para moitos parecía un imposible, gañar as municipais. Logo de oito anos na alcaldía, pasou catro na oposición para recuperar o bastón de mando en 2015 ata este ano, no que decidiu non presentarse.

Despois de pasar as 24 horas pegada ao teléfono, que tal se vive xubilada, sente que lle sobra tempo?
Vívese xenial. Teño todo o tempo do mundo, pero non me chega a nada. A desconexión do teléfono creo que foi o mellor de todo, agora ata teño whatsapp. Libereime, e hai unha serie de cousas que cambiaron radicalmente para ben.

O seu foi presentarse e saír elixida, como lembra ese momento?
Presentárame por una carambola, sen experiencia política e sen querer deixar a ensinanza, pensado en que subiriamos un ou dous concelleiros —o PSOE tiña dous, tres o BNG e oito o PP—. Para min o resultado foi unha sorpresa moi grande e gardo un recordo moi agradable, porque penso que as eleccións gañáronmas os exalumnos. Foi como recoller uns froitos que non esperaba.

Sempre dixo que volvería ao ensino, arrepíntese de non telo feito?
Non, polo momento social que me colleu. En 2011 quería volver e deixar a alcaldía, porque consideraba que oito anos eran suficientes, pero empezou este momento social difícil. Oía lamentarse a compañeiros aos que lles gustaba moito ensinar e decidín seguir na política, pero quedoume ese ‘resquemor’. Encantaríame volver.

"Gustaríame que me lembrasen como unha persoa que traballou por e para Guitiriz"

Que balance fai dos seus 16 anos no Concello?
Sempre vin que a política é un servizo aos demais e traballar para a que a sociedade vaia mellor e creo que conseguín eses obxectivos, aínda que quedase moito por facer. Hai moita xente que me dixo, mesmo de distinta ideoloxía, que Guitiriz ten un antes e un despois de Regina e iso consólame. Persoalmente, é unha experiencia que me encanta ter vivido, porque aprendín moito. Sempre digo que vou escribir un libro.

Estivo oito anos na Deputación, cambia a perspectiva da política?
Si, coñeces outra maneira de facer política, pero eu creo que mantiven a miña idea de servizo aos demais na Deputación, na Fegamp e na Femp, nas que tamén estiven. Persoalmente, a época máis gratificante foi na área de Artesanía e Deseño, porque puiden facer moitas cousas, tamén por Guitiriz.

O mellor e o peor da alcaldía?
O mellor de todo foi coñecer a xente dende outra óptica, entendín cousas que antes non facía. O peor é que a xente e os políticos pensen só no beneficio particular e non valoren outras cousas.

De que proxecto se sente máis orgullosa?
Palpable, a Ruta da Auga, porque foi importante para situar Guitiriz no mapa. Nun sentido máis amplo, de todo o traballo en servizos sociais. Sempre apostei por abrir camiños, aínda que algunhas cousas non tivesen interese, como o viveiro de empresas, o Sicted, o ser núcleo de desenvolvemento sostible e o aglomerado de estradas.

Que deixou pendente?
Varias cousas. A última vez presenteime con tres obxectivos concretos e só logrei un, o colector do río Forxá, que está a dar problemas. O PXOM e a residencia de maiores seguen pendentes.

Chegou e marchou cunha teima, a Casa da Botica. Os veciños chegarán a vela rehabilitada?
Alégrome do traballo, porque o edificio está aí e se o Concello non o comprase é probable que xa non existise. Entristéceme como está e aínda teño a esperanza de que empecen as obras, non entendo por que non se fai.

A nova alcaldesa, Marisol Morandeira, foi unha aposta súa, deulle algún consello?
Non houbo consellos. Ofrecinme a axudar no que necesitase e díxenlle que contase con todos.

En que proxectos está centrada?
Sobre todo no traballo da AECC, facendo un labor de apoio que antes non podía facer, e na creación da asociación do grupo de teatro.

Na comida vai recibir un agasallo, atrévese a adiviñar o que pode ser?
Non, nin idea. Penso que será algo de artesanía, pero non o sei.

Que recordo lle gustaría que gardasen de vostede os veciños?
Que traballei por e para Guitiriz.

Comentarios