Simón: "Os eólicos non melloraron a calidade de vida da xente de Muras"

O investigador presentou un estudo sobre o impacto da enerxía eólica no concello chairego
Belén Chao, Xabier Simón, Manuel Requeijo e Mario Rouco, na presentación do libro en Muras. V. BRAN
photo_camera Belén Chao, Xabier Simón, Manuel Requeijo e Mario Rouco, na presentación do libro en Muras. V. BRAN

"A relevancia enerxética de Muras non se traduce nunha repercusión económica para os seus veciños. Podemos dicir tras un exhaustivo análise que, desgraciadamente, non existe unha relación entre desenvolvemento económico vinculado aos eólicos e mellora na calidade de vida dos mureses". Esta é unha das conclusións que este venres deu a coñecer Xabier Simón -investigador e director do observatorio eólico de Galicia- sobre un estudo que dirixiu xunto a María Montero, que foi encargado polo Concello de Muras á Universidade de Vigo para afondar no impacto que teñen os parques eólicos no municipio con máis aeroxeradores de Galicia.

"Estamos diante dun caso que non ten parangón, non hai ningún concello en toda España que se mova nas cifras de Muras: hai 1,6 MW por quilómetro cadrado instalados, cando a media da comunidade galega son 0,14 MW", recalcou Simón nun acto que contou coa presencia de Manuel Requeijo, rexedor local; da concelleira Belén Chao, e do tenente de alcalde Mario Rouco.

EN CIFRAS. En Enerxía eólica en Muras: análise do seu impacto territorial, económico, ambiental e enerxético recóllese que o municipio ten 380 muíños repartidos en 19 parques, cunha produción de 264,4 MW de potencia que serviría para "cubrir o consumo de todas as familias luguesas", dixo Simón, quen engadiu que a facturación estimada nos parques chegou algún ano a 70 millóns.

"Con estas cifras Muras logrou situarse no segundo posto de Galicia tendo en conta o indicador do PIB per cápita. Pero non son cifras reais, porque como actividade eólica non é de propiedade pública ni comunitaria as rendas van para fóra", engadiu o experto, quen deu unha estimación do que percibe cada propietario murés polo aluguer dos seus terreos para a instalación dos muíños. "Aquí as compravendas foron desastrosas. De media os mureses percibiron menos que o resto de Galicia, pois a porcentaxe das rendas recibidas está por debaixo do 1,5%, cando noutras zonas chega a un 3%».

No ámbito económico determínase tamén que dende 2010 a Xunta recadou anualmente nos parques de Muras 2,2 millóns de euros - o 10% de toda a recadación de Galicia- dos cales o Concello só percibe unha cuarta parte (uns 500.000 euros ao ano).

Simón resaltou, non obstante, que o impacto dos eólicos foi positivo para o medio ambiente, posto que "se a enerxía producida nos aeroxeradores saíse de centrais térmicas, emitiríanse 300.000 toneladas máis de CO2 ao ano".

Para rematar o investigador fixo unha reflexión: "En 1998 os mureses atoparon, de súpeto, que aquí había unha riqueza sen explotar, o seu vento. É unha pena que pasado o tempo esta nova industria non axudase a corrixir os problemas estruturais que en termos de poboación, de renda ou de emprego teñen a comarca chairega e Muras en particular".

Un libro para cada familia
O Concello murés repartirá exemplares do estudo a cada familia "co obxectivo de que teñan ferramentas á hora de enfrontarse ás grandes compañías enerxéticas", apunta Manuel Requeijo.

Consecuencias. O alcalde avanzou que a obra suporá "un antes e un despois" no coñecemento da enerxía eólica no conxunto de Galicia.

Comentarios