A CHAIRA, 15 ANOS: POL

Os servizos como aposta polo rural e imán turístico

Fixar poboación e atraer visitantes sempre foi o reto dun pequeno municipio que contará en breve con modernas instalacións de ocio 
2011 ▶Tras 75 anos os restos de Antonio Rivas Carballés volven. AEP
photo_camera 2011 ▶Tras 75 anos os restos de Antonio Rivas Carballés volven. AEP
Veciñanza
Pol tiña 1.945 habitantes cando naceu A Chaira e conta agora con 1.623. En 15 anos perdeu 322 veciños, segundo os datos do Ige, e a media de idade no municipio é de 54,68 anos.  
Onde están os marcos?
O concello, que forma parte da comarca de Meira, suma 125,90 quilómetros cadrados de superficie divididos nun total de 19 parroquias: Arcos de Frades, Caraño, Carazo, Cirio, Ferreiros, Fraialde, Gondel, Hermunde, Lea, Luaces, Milleirós, Mosteiro, Pol, San Martín de Lúa, San Martiño de Ferreiros, Silva, Suegos, Torneiros e Valonga. Limita cos concellos de Castro de Rei, Meira, Outeiro de Rei e Castroverde. 
Quen manda aquí? 
Nas eleccións municipais de 2007, celebradas o ano seguinte de publicarse por primera vez A Chaira, Lino Rodríguez Ónega (PSOE) acadou a alcaldía, que ostentaba José Luis Fugarolas (PP). Continúa no cargo despois de volver ser elixido en 2011, 2015 e 2019. Foi deputado provincial na Deputación de Lugo como responsable da área de medio rural. Foi imputado pola xuíza Pilar de Lara, pero a causa foi arquivada en 2016. 
Para botar un pé 
A Festa ao Emigrante, que se celebra o 24 de agosto na carballeira de Mosteiro, é unha das principais citas do calendario festivo de Pol, ás que se suman o festival de Leña Verde ou a romaría dos Milagres, cada 24 de maio na capela de Xerbolés. 

Nun concello rural con moita historia e casas señorais pero poucos recursos turísticos en comparación a municipios veciños, pese a que case a totalidade do seu territorio está dentro da Reserva da Biosfera de Terras do Miño e a que en 2017 se descubriu o maior campamento militar romano de Galicia —o grupo de investigación Romanarmy localizou no monte Ventín, en Silva, un xacemento de 14 hectáreas—, os servizos convértense no mellor e máis prezado tesouro. Son imprescindibles para fixar poboación pero tamén imán para atraer visitantes doutros lugares. E a aposta do Concello de Pol nos últimos anos por darlle un pulo á capitalidade municipal, Mosteiro, para acadar ese reto e poder presumir dese tesouro é clara. 

En 2008, o mesmo ano que se estreaba a ruta da Fraga de Romeor, de 18 quilómetros, e que a Festa ao Emigrante cumpría 25 anos de historia, inauguráronse a piscina municipal, unha pista polideportiva e deuse por finalizada a recuperación do Muíño do Pacio —un antigo centro etnográfico no que o Concello quere impulsar agora actividades a través dunha fundación para dar a coñecer como se moía antano— e da área recreativa anexa pola que discorre o Azúmara, na que se instalaron varias pasarelas para cruzar o río e unha zona de merendeiro con barbacoa.  

Dous anos despois, a principios de 2010, inaugurouse a caseta do polbo da carballeira de Mosteiro, un novo edificio multiusos que serve tanto para saborear e impulsar a celebración das feiras no concello como para facer de novo centro sociocultural, no que se organizan desde cursos de manualidades a outros máis novedosos como os de deseño de boinas. 

Un ano máis tarde, en 2011, cando Pol pechaba unha débeda coa memoria histórica e os restos do fusilado Antonio Rivas Carballés regresaban a Fraialde, ábrese o tanatorio municipal, o único que depende dunha administración local no listado de concellos desta nosa particular Chaira.  

En 2012 realizáronse obras de mellora na Praza de Galicia e homologouse o parque infantil e un ano máis tarde aprobouse o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Foi o mesmo no que todas as cámaras puxeron o foco en Pol coa liberación de Félix Vidal Anido, o violador do estilete, co fin da doutrina Parot.  

En 2018 renovouse a biblioteca municipal, pero se hai que destacar un ano como clave, ese sería 2019, porque foi a quenda da ansiada residencia de maiores e centro de día, que abriu as súas portas tras unha longa espera —as obras arrancaron en 2014—, algunha que outra polémica e despois dunha xornada de portas abertas multitudinaria. 

A aposta polos servizos nun concello no que a emigración vai no seu ADN, pero tamén o xornalismo —son oriundos de Pol a familia Ónega, Jenaro Castro ou Xosé López— e no que os monicreques atoparon un novo acubillo —con Teatro Marionetas Trécola, A Chintofanería ou Xirapaus e a posta en marcha da asociación Polka en 2014—, continúa na actualidade coa construción dunha zona deportiva e de ocio con instalacións que xa lle gustarían a moitos concellos de moito máis tamaño que Pol.  

Sumarase pronto á oferta o novo campo de fútbol de herba e un máis pequeno de céspede artificial, unha pista cuberta de pádel, tres de billarda, unha de bolos, outra de petanca, unha da chave, unha zona de xogos de mesa, unha pista de raid hípico ou incluso unha tirolina

Protagonista
imgDataSergio Marey. Natural de Rois, xa se impón como un referente na loita polo rural a través do deseño de moda con Cas Marey. Con 24 anos, presentou seis coleccións —a última no mercado gandeiro de Castro de Ribeiras deLea—, acaba de abrir páxina web para mostrar e vender os seus deseños e está involucrado noutro proxecto en Lugo, a galería de arte Solaina, que abriu xunto a Antía Carreira co obxectivo de descentralizar a arte das grandes urbes. 

Comentarios