O pasado mes de abril, o Concello de Guitiriz asinaba coa Consellería de Política Social a súa incorporación ao programa Xantar na Casa, "un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de persoas maiores, dependentes e/ou en risco de exclusión social, con déficits de autonomía persoal, para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús", tal e como explican dende o Consorcio Galego de Igualde e Benestar, responsable da xestión do programa.
Guitiriz, que ofrece inicialmente dez prazas, elevando a 134 as que se ofrecen nos doce municipios de Terra Chá e de Meira que teñen en marcha este programa –na zona, só As Pontes non o ten implantado–, está en trámites para seleccionar os seus primeiros usuarios, que na actualidade roldan os 80 entre os todos municpios que o teñen implantado.
Abadín é o municipio que conta con máis usuarios, 18, e Guitiriz acaba de suamrse ao programa, para o que oferta dez prazas
O Xantar na Casa, ao que a Xunta destina uns 2,3 millóns ao ano e que distribúe ao mes máis de 45.000 comidas –o reparto, con menús para sete días, faise unha vez a semana– nos preto de 190 concellos inscritos, púxose en marcha a finais de 2008.
Abadín, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza e Pol foron os primeiros da zona en sumarse, xa en 2009.
Abadín é o que máis usuarios ten, 18 de 20 posibles, mentres que Pol e Castro de Rei teñen cubertas cinco de seis prazas dispoñibles e na Pastoriza, tres. Cospeito tamén oferta media ducia de prazas, agora sen cubrir, pero para as que está a tramitar a incorporación de tres usuarios. Xermade e Meira sumáronse un ano despois e teñen cubertas, respectivamente, once de 15 e seis de dez prazas conveniadas coa Xunta.
En Vilalba, que se adhería en 2012, tamén son once os veciños que reciben este particular servizo de cátering a domicilio, cunha oferta total de 20 prazas, mentres que en Begonte, que se incorporou en 2013, ten cubertas 13 de 15.
Os últimos municipios en implantar o Xantar na Casa, antes de Guitiriz, foron Ribeira de Piquín, hai cinco anos, cunha oferta de dez prazas, con catro delas cubertas, e Muras, un ano despois, que dispón do mesmo número de prazas nun servizo do que agora mesmo se benefician tres persoas.