A seca preocupa en toda a Terra Chá

Os rexedores chairegos temen a chegada dun outono sen choiva e advirten á poboación da importancia de facer un uso responsable da auga
Estado do río Azúmara. XOSÉ ANTÓN ROUCO
photo_camera Estado do río Azúmara ao seu paso por Castro de Rei. XOSÉ ANTÓN ROUCO

A situación pola falta de auga na comarca da Terra Chá comeza a preocupar aos alcaldes, especialmente nalgúns municipios nos que xa se estableceron limitacións. É o caso do Concello de Muras, o cal emitiu un bando para limitar o abastecemento de auga con fins domésticos e humanos, prohibindo á súa vez o lavado de coches, a rega de xardíns, prados e hortas, así como o enchido e limpeza de piscinas particulares.

Unhas prohibicións que tamén veñen de establecer os Concellos de Guitiriz e Xermade. No caso de Castro de Rei, a baixada do caudal do río xa pode notarse na área recreativa do río Azúmara e na fonte de Prevesos, un dos principais abastecementos do concello. Tamén este municipio emitiu un bando apelando á responsabilidade dos habitantes, pois trátase dun territorio cun consumo de auga moi elevado que de alargarse a situación podería sufrir problemas maiores.

"Temos un consumo dun concello de máis de 30.000 habitantes", aseguraba Francisco Javier Balado, alcalde de Castro de Rei. Para previr esta situación nun futuro, o Concello baralla emitir un bando para advertir á veciñanza da importancia de dotar os seus fogares de fontes e pozos propios, así como de mantelos en bo estado.

Pola súa parte, outros municipios chairegos emitiron eses mesmos bandos sobre a importancia de facer un uso responsable da auga, xa que prevén que as maiores dificultades poden chegar nos vindeiros meses, como é o caso do concello de A Pastoriza e Meira.

Tamén en Pol, Vilalba e Begonte advirten desa importancia e permanecen expectantes ante a situación que traerá o outono, pois xa tiveron que achegar auga con cisternas en zonas como a parroquia de Caraño, en Pol; a contorna de Santalla, en Begonte; e algún núcleo rural de Vilalba.

Máis tranquilos se atopan en concellos como As Pontes ou Ribeira de Piquín, onde polo de agora non están sufrindo ningunha problemática nin teñen previsto que xurda a curto prazo. En Abadín as dificultades son puntuais e trátase de diminución da presión de auga que sofren traídas privadas, pois as municipais presentan unha boa situación. Ao igual que as de Cospeito, onde temen a chegada dun outono sen auga, pero polo de agora non sofren grandes problemas.

Comentarios