'Sentires': fotografías vivas, con lápis

Eva C. García amosa por primeira vez, no Madia Leva de Baamonde, a súa obra en público. A mostra destaca pola precisión dos seus trazos nos retratos
Eva, debuxando. JAMY CORRAL
photo_camera Eva, debuxando. JAMY CORRAL

"Todos os personaxes teñen algo, transmítenme cousas, por iso os escollín para debuxalos"», explica Eva C. García ante as 21 obras que compoñen a mostra para a que escolleu o significativo título de Sentires, a primera exhibición pública dos seus debuxos, que pode verse no Madia Leva de Baamonde durante este mes e tamén en febreiro.

Natural de Abadín pero afincada en Baamonde den hai moitos anos, esta bióloga de formación sempre se sentiu moi atraída polo mundo do debuxo, pero nunca probara sorte, máis alá dos traballos escolares, ata finais de 2017. Cunhas poucas clases e moitas horas de experimentación conseguiu deixar no pasado esa arela de "algún día teño que aprender" e mergullouse de cheo no que se converteu na súa especialidade, o retrato.

"Sempre sentín fascinación por el, non me preguntes a razón, supoño que porque me atrae que as obras teñan vida, que me digan algo, aínda que sexa unha man ou un animal", di Eva, que asegura que o desafío, ademais de lograr plasmar con exactitude as proporcións, é "captar a alma".

Os 21 debuxos, a gran maioría en branco e negro, reproducen animais, imaxes icónicas ou caras de familiares e de veciños

"Non me mandes debuxar unha mazá", bromea, ao tempo que lembra que, malia ás moitas horas de dedicación que precisa cada obra para plasmar cada detalle, a única que ata o de agora deixou sen rematar foi unha paisaxe. Cando colle os lapis de grafito ou de carbón —as súas ferramentas básicas, nunhas creacións en branco e negro nas que a cor, que apenas usa, é un recurso máis—, faino "sen pretensións" e "sen prazos", só polo gusto de reproducir fielmente, captando a esencia daquelas imaxes que chamaron a súa atención, xa sexan de xente do seu contorno, de personaxes famosos ou anónimos ou mesmo de animais.

Así, buscou captar a tenrura da Madre Teresa de Calcuta sostendo un neno, a forza da mirada de Nelson Mandela, a ilusión na ollada dos pequenos...
Retratos de Xoán Corral, dos nenos e nenas da familia e de veciños, reproducións de imaxes icónicas, caras anónimas polas que se sentiu atraída ao buscar inspiración ou animais que causaron este mesmo efecto nela danlle forma a uns Sentires que están a ter unha gran acollida.

Comentarios