Sentida homenaxe de Muras a Antía Cal

A Casa do Médico acolleu unha xornada para poñer en valor a figura desta innovadora pedagoga no aniversario do seu falecemento
Os familiares de Antía Cal xunto á placa. D.CABO
photo_camera Os familiares de Antía Cal xunto á placa. D.CABO

"As veces que falei con Antía, sempre nomeaba Muras. É digno de mencionar a sensibilidade que tiña Antía pola terra, era unha firme defensora do rural", así abriu o alcalde, Manuel Requeijo, a xornada dedicada á figura desta innovadora pedagoga tan ligada á localidade. E é que, a pesar de que naceu na Habana e fixo vida en cidades como Santiago ou Vigo, cando lle preguntaban a súa procedencia, ela respondía o mesmo, "eu, de onde son, son de Muras".

A Casa do Médico, ornamentada para a ocasión con retratos, ilustracións, carteis ou mesmo un mural feito polos alumnos do colexio da localidade -que leva o nome da homenaxeada-, acolleu unha cita que congregou a decenas de persoas vencelladas de forma directa ou indirecta con Antía Cal.

A primeira intervención foi para Aurora Marco, da Universidade de Santiago, que realizou un repaso pola biografía de Antía Cal, dende que era unha nena, comentando o seu paso pola facultade en Santiago, o seu casamento con Antón Beiras ou a creación da Escola Rosalía de Castro en Vigo, para finalizar afirmando que "segue a ser unha referente, tanto na educación como para todas as mulleres".

Manuel Requeijo xunto a Aurora Marco. MAIDER
Manuel Requeijo xunto a Aurora Marco. MAIDER

Tras esta primeira toma de contacto coa figura da profesora, Carme Varela, executiva e produtora do documental A palabra xusta, explicou a súa experiencia durante a creación da peza audiovisual dirixida por Miguel Piñeiro. "Hai unhas 70 horas de gravación con Antía", comentou Carme, que coñecera a pedagoga aló polo ano 2000. Elena López Seco, en representación da familia do Burgo, achegou varias anécdotas de Antía nun ámbito máis persoal e familiar, antes da actuación musical a cargo de Black, que empregou letras feitas expresamente para a ocasión. Despois, José Pintado recordou os seus anos como alumno no Rosalía de Castro. "Antía sempre transmitía a emoción do saber", comentou o vigués antes de deixar paso a un emotivo discurso do investigador Xurxo Martínez.

Actuación musical de Black. MAIDER
Actuación musical de Black. MAIDER

Para poñer a guinda á cita, os presentes escoitaron con atención as palabras de Hixinio Beiras, un dos catro fillos de Tita, antes do descubrimento de dúas placas conmemorativas na propia fachada da Casa do Médico, con mención especial para a Unión Murense.

Hixinio Beiras durante a súa intervención. D.CABO
Hixinio Beiras durante a súa intervención. D.CABO

O lugar escollido para poñer fin aos actos foi a Casa do Mesón, a vivenda familiar de Antía Cal. Alí, tras unha nova intervención de Hixinio na que recordou a súa nenez no lugar, revelaron a placa adicada á pedagoga. 'Aquí criouse unha mociña que chegou da Habana para coñecer a terra onde naceron os seus pais, os seus avós e tódalas súas xentes' é a frase escollida para recordar a Tita, que, dunha forma ou doutra, sempre estará presente.

Comentarios