martes. 20.10.2020 |
El tiempo
martes. 20.10.2020
El tiempo

Senén Barro: "A intelixencia artificial permite ás empresas un rastrexo exacto e evitar corentenas masivas"

Senén Barro, director de Citius. EP
Senén Barro, director de Citius. EP
En tempos de pandemia, centros de investigación e empresas centran os seus esforzos en desenvolver aplicacións que ofrezan servizos contra o covid e Situm, da que é fundador o exreitor da USC, ofrece un xeolocalizador no ámbito laboral

O pontés Senén Barro, exreitor da USC, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e director do Citius (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes), é un dos fundadores e asesor de Situm Technologie, unha spin off que emprega tecnoloxía contra o covid. 

Situm desenvolve unha tecnoloxía que facilita o control da pandemia nas empresas. Como xorde?  

Hai que remontarse atrás. Dentro da investigación de robótica móbil, no CiTIUS desenvólvese hai cinco anos unha spin off —ten máis de 30 traballadores— que comercializa unha tecnoloxía para localizar móbiles dentro dos edificios, onde non entra o sinal de satélite. O que fai o móbil é usar puntos wifi dentro dos edificios, pero non dan suficiente precisión nin fiabilidade. Con esta tecnoloxía úsanse outras fontes, os sensores que xa están integrados nos teléfonos: acelerómetro, xiróscopo, magnetómetro... para ubicar o móbil e con el, a persoa. Úsase para empresas de seguridade, servizos de vixilancia, en hospitais para indicar o lugar exacto das citas ou para prevención de riscos, pero antes do verán empezan a ofrecerse servizos covid. 

Que usos ten Situm Covid-19? 

Ao principio pensáronse varias aplicacións, como controlar aforos ou distancias interpersoais, pero foron abandonándose porque o que lles interesou ás empresas foi utilizar esta tecnoloxía para monitorear os movementos das persoas para controlar os positivos. Con este uso ten unha alta demanda porque, se hai un contaxio podemos, facer o rastrexo exacto de onde estivo o traballador e as persoas coas que tivo contacto. 

Cal é a diferencia con outras aplicacións de rastrexo? 

É algo parecido pero máis preciso. O Radar Covid só usa un sinal Bluetooth que busca se estás preto de algún positivo. Non busca posicións absolutas, senón relativas, porque non ten xeolocalizador por temas de privacidade. Neste caso está pensado só para entornos laborias, a precisión que alcanza é moi superior de cara a facer a traza de contactos e dos lugares, o que permite facer unha desinfección selectiva ou poder actuar rápido cos contactos directos, o que evita facer corentenas masivas. De forma inmediata, ofrece un histórico coa traza precisa de lugares, tempos e distancias interpersoais. 

É necesario un móbil, unha app e wifi. Ata hai algúns anos a intelixencia artificial era case ciencia ficción e chegou para quedarse. 

Ata hai uns dez ou 15 anos a referencia que o público tiña da intelixencia artificial era a través do cine e as novelas e era unha visión distorsionada, distópica, negativa. Pero nos últimos anos estamos vendo que a tecnoloxía potente se pode usar para o bo e para o malo e que a intelixencia artificial é a máis transformadora. Empezamos a evidenciar o positivo.

Onde a podemos atopar?

Nos coches autónomos ou en elementos que melloran a conducción, nos móbiles, na interlocución cos asistentes virtuais, na robótica do noso entorno (unha aspiradora ou un cortacéspede). Cada vez vemos máis o impacto desta tecnoloxía e somos consicentes da revolución. 

Cal é o papel do Citius? 

É un centro singular da USC e o único especializado en intelixencia artificial en Galicia. Conta con 115 investigadores e saíron del dúas spin off, Situm e Imagames, con 15 persoas empregadas. 
 

Hai apoios para a investigación? 

O noso centro ten apoios da universidade e, como un dos oito que Galicia recoñece como singular, temos unha dotación da Xunta significativa que valoramos moito. Agora, en xeral, a investigación está mal financiada e os números son incontestables. Somos dos poucos países que na crise de 2008 fixo recortes en educación e investigación, que é o futuro.

Acadou o Premio Nacional de Informática José García Santesmases 2020. Que implica? 

É un orgullo. Non mellora o meu traballo, pero dalle visibilidade e supón un recoñecemento. 

Senén Barro: "A intelixencia artificial permite ás empresas un...
Comentarios