A Semana Verde de Silleda avala o bo labor dos gandeiros de razas autóctonas

Os produtores chairegos sumaron máis dunha decena de premios nos distintos certames celebrados na feira. Todos eles certifican que este tipo de convocatorias axudar a dar visibilidade e marcan o camiño a seguir

O maior escaparate agrogandeiro galego, a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, reservou un oco especial para as razas autóctonas en perigo de extinción, en colaboración coas distintas asociacións que traballan na súa preservación.

"As razas autóctonas son parte do noso patrimonio, como son o idioma, os monumentos ou a paisaxe", asegura José Barreira, presidente de Asoporcel, a asociación de porco celta que, xunto a Puraga e a Boaga —a Federación de Razas Autóctonas Galegas une as cinco bovinas, as de ovella e cabra galega e Avimós— lle daban forma á exposición e a oito concursos morfolóxicos nos que os exemplares chairegos tiveron un papel destacado, colleitando máis dunha decena de premios.

José Rodríguez 'Armental' (frieiresa): "Quería sacarme de muxir e apostei polas razas autóctonas e pola gandería ecolóxica"

Finlandia foi a vaca que logrou subir ao máis alto do podio do II concurso morfolóxico de raza frieiresa, o último en incorporarse aos certames de vacún. Un novo aval para o traballo que está a facer José Rodríguez na gandería Armental de Donalbai (Begonte) —a única de frieiresa da comarca—, que xa o ano pasado dominaba o certame con outra das súas reses, que ademais era protagonista do capítulo de anécdotas ao parir durante a feira. Todo un logro se se ten en conta que José, que ten unhas 80 cabezas, só leva tres anos con esta aposta.

"Quería sacarme de muxir e apostei polas razas autóctonas —tamén ten cachenas— e pola gandería ecolóxica", explica José, que fala tanto da boa adaptación das reses ao terreo coma dos beneficiosas que son para este, realizando un labor de desbroce natural que contribúe a reducir o risco de incendios. A iso súmalle a "calidade da carne, que non ten nada que ver coa industrial, a xente debería concienciarse diso".

Gonzalo Seoane (cachena): "Cos premios daste a coñecer e á hora de vender, o produto está máis valorado"

Tres de tres tamén é o balance positivo do vilalbés Gonzalo Seoane, no seu caso no concurso de cachenas, onde Carriza acadaba un bronce. "Cos premios daste a coñecer e á hora de vender o produto está máis valorado", explica un gandeiro ao que a idea de diversificar a súa produción o levou hai seis anos a apostar por criar cachenas en Oleiros, onde hoxe ten unhas 30 cabezas.
En total, os cinco certames bovinos —non houbo distincións chairegas nas razas caldelá, limiá e vianesa— contaron coa participación de 20 ganderías galegas.

Entre os 27 competidores do V Campionato Galego de Galiña de Mos os representantes chairegos desenvolveron un bo papel, con premios en todas as categorías. O presidente de Avimós, o vilalbés Francisco Monasterio, lograba un terceiro premio en galiñas; o polego José Luis Freire acadaba un segundo en galos e o vicepresidente, José Zapata, de Castro de Rei, vía recoñecido o seu lote —tres femias e un macho— cunha prata.

Francisco Monasterio (raza Mos): "O crecemento nestes anos do número de exemplares de raza Mos foi espectacular e supón unha parte importante dos ingresos de moitos criadores"

"Este ano pasaron milleiros de persoas pola feira e esgotáronse todos os produtos que estaban á venda", conta Monasterio, quen bota a vista 17 anos atrás para falar dos inicios da recuperación da raza Mos.

"O crecemento foi espectacular e supón unha parte importante dos ingresos de moitos criadores", explica, agardando un novo salto que permita que a avicultura artesanal "sexa un modo de vida". Para iso destaca a importancia que tivo conseguir o Rega para poder comercializar e confían en que supoña un novo pulo a nova normativa nacional que está en trámites e regularía as salas de matanza domiciliarias.

José Zapata (raza Mos): "Apostei pola galiña de Mos e polo porco celta por manter o noso"

Fronte a Zapata e Monasterio, que son socios fundadores de Avimós —cos números seis e sete—, e achegaron algúns dos primeiros exemplares para recuperar a raza, Freire só leva cinco anos coa granxa artesanal Cima de Vila de Suegos. As circunstancias persoais e o gusto polos animais levárono a apostar pola pita de Mos, "pensando que podía ter futuro". E polo momento el, que non se dedica á produción de ovo e só vende animais, non se queixa, agradecendo os premios porque "a xente sempre se fixa e tes máis posibilidades de vender reprodutoras".

José Luis Freire (raza Mos): "Cos premios a xente sempre se fixa e tes máis posibilidades de vender reprodutoras"

José Zapata, que tamén acudiu cun stand de Chousa do Lea a Salimat —o salón de alimentación que se organiza os mesmos días en Silleda—, destaca que a maiores dos produtores con Rega, hai outros moitos criadores que apostan pola raza Mos para o autoconsumo, dada a súa calidade.

Este criador, que herdou o interese por "manter o noso" de seu pai, tamén apostaba hai ano e medio polo porco celta "para aproveitar unhas terras sen producción". Apenas ten dez cabezas, pero o seu macho é o suficientemente distinguido como para acadar un terceiro premio no segundo concurso morfolóxico de porco celta. E non foi o único con denominación chairega, pois José Barreira, de Muimenta, levaba un segundo premio na mesma categoría e un terceiro en recría. Ademais, en femias reprodutoras gañaba un exemplar de Fraga do Coto e outra José Vega, da Ponte de Outeiro, acadada a prata.

Saúl Rouco (porco celta): "Sempre me gustaron moito os porcos e en 2012 empecei a mirar e vin que o celta estaba en perigo"

"Sempre me gustaron moito os porcos e en 2012 empecei a mirar, vin que o porco celta estaba en perigo e apostamos por ter algo noso", di Saúl Rouco, que en 2013 impulsaba xunto a seu pai, Manuel, a granxa Fraga do Coto en Mourence, unha experiencia da que fai "un balance bo, hoxe non damos abastecido a demanda" dos clientes, maiormente particulares, pero tamén carnicerías.

Dese interese polo produto dá conta igualmente José Vega, que hai un lustro tamén lle viu saída á raza "ao primeiro, para limpar fincas", ata o punto que non só el, senón tamén súa nai, Dolores Eiras, apostaron por uns animais cos que ven positivo acudir ás feiras para dar a coñecer a raza e atraer compradores.

José Vega (porco celta): "Empezamos miña nai e eu hai cinco anos, porque lle vimos saída a raza e, tamén para limpar fincas"

"En eventos así falas coa xente  e explicas as cualidades e os beneficios da raza", explica Barreira, que destaca que este ano en Silleda estiveron presentes 23 ganderías con 56 porcos, case o dobre que en 2017.

A nivel persoal, el leva sete anos criando razas autóctonas. E non só porco celta, pois tamén teñen exemplares de Mos, de cabalo galego, de ovella galega, de can de palleiro e de can guicho, "para autoconsumo e como actividade para os rapaces —leva unha casa de acollida—, polo que non se trata de ter moitos animais".

José Barreira (porco celta e outras razas): "As razas autóctonas son parte do noso patrimonio, como son o idioma, os monumentos ou a paisaxe"

Asoporcel tamén estreaba este ano o primeiro concurso nacional de manexo da raza porco celta, que contou con oito competidores que debían guiar ao animal, no menor tempo posible, por un circuíto que simulaba unha manga, ademais de incorporar unha serie de obstáculos e un desafío final, lograr que o porco subise a un remolque. Non conseguilo tiña premio en forma de bonus temporal.

A vitoria foi para a ourensá Raquel Méndez que xunto con Mora fixo o percorrido nun tempo "que será difícil de bater", segundo aseguraba Barreira, satisfeito co éxito acadado con esto novedoso certame no que completaron o podio dous gandeiros chairegos. José Vega, formando equipo con Asia, acabada a medalla de prata, e Saúl Rouco, de Fraga do Coto, guiando a Cesáreo, lograba un meritorio terceiro posto.

José María Costa (cabalo galego): "Son o criador máis antigo de Muras, e apostei polo de capa negra porque son os que máis me gustan"

O ránking de galardóns inclúe tamén un primeiro premio para a egua galega Perla I e un quinto para o cabalo Comanche, ambos do murés José María Costa Blanco no concurso morfolóxico de cabalos e eguas de pura raza galega. Este criador de Silán leva uns seis anos participando neste tipo de certames, logo de apostar dende 2002 polo cabalo galego "de capa negra, porque son os que máis me gustan". El é o "criador máis antigo" de Muras e vai xa pola terceira xeración de exemplares autóctonos, logo de terlle vendido animais ata a comunidades de montes.

Unha aposta en aumento
A aposta polas razas autóctonas conta cada vez con máis adeptos. Entre a Terra Chá, Meira e As Pontes, Boaga suma 22 granxas de vacún (suman 456 reprodutoras), sobre todo de cachena (13). De galiña de Mos hai 21 (nove en Vilalba), aínda que son moitos máis os que a crían. Ademais, hai sete ganderías con ovella galega e unha de cabra. Asoporcel cifra en máis dunha ducia os criadores de porco celta e en Puraga teñen censados 49 criadores de cabalo galego (28 en Muras) con máis de 430 cabezas.

Comentarios