domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

Seivane: cen anos de paixón pola gaita

Pasarrúas coa Muiñeira do Chao. C.PÉREZ
Pasarrúas coa Muiñeira de Chao.C.PÉREZ
Ribeira de Piquín, "capital da música galega", acolleu un acto para conmemorar o centenario do nacemento do "mestre dos mestres"

Hai cen anos, nacía na Pastoriza un home que "mudou para mellor a historia de Galicia a través da música", tal e como dixo Xurxo Souto, mestre de ceremonias na homenaxe que se lle rendeu ao "mestre dos mestres", Xosé Seivane, no Chao do Pousadoiro, en Ribeira de Piquín, o lugar que el converteu "na capital da música galega" e dende o que traballou durante décadas para "transformar para sempre" o instrumento que representa a Galicia, a gaita.

Seivane foi "autodidacta, emprendedor e valente, un referente mundial que foi quen de canalizar os sentimentos desta terra a través da artesanía", salientou o rexedor de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, nun acto que comezaba cunha ofrenda floral no busto de Seivane e que seguía na área recreativa do Chao, onde a gaiteira local Laura Cabo, de Barangón, intepretaba a Muiñeira de Lugo moi ben acompañada. Despois, por mor da choiva, houbo que trasladarse ao centro de día, a apenas 50 metros de onde Seivane tivera o seu obradoiro nos últimos anos, antes de mudarse a Cambre, onde se mantén vivo o seu legado.

"O seu talento non morre, a lapa segue acesa", dicía tamén Xurxo Souto neste segundo dos tres actos previstos polo centenario –xa houbo un en Cambre, e o ciclo pecharase o vindeiro 3 de outubro na Pastoriza–. E razón non lle faltaba, non só pola súa familia, na que os bisnetos xa apuntan maneiras, senón tamén polos moitos "tesouros" que deixou espallados por medio mundo, coma a gaita que lle fixo por 450 pesetas hai máis de seis décadas a un Jaime Otero, por aquel entón de 13 anos, que onte, con 77, a volvía facer soar para acompañar a Eva, outra ribeirega, nun cantar dedicado á súa terra.

Este gaiteiro, natural de Soutelo e afincando en Barakaldo, viaxou expresamente para lembrar a aquel amigo para o que pasaba horas mirando como traballaba, que lle daba consellos e que mesmo foi o seu compañeiro de troula no grupo Airiños da Ribeira, alá polos anos 60. Jaime fora o último en entrar nesta formación fundada por Seivane, á que onte volvía para interpretar vellos temas xunto a Susana Seivane, Carlos Freire, Daniel Bellón e Pedro Lamas.

Tamén Xosé Manuel Sánchez Rei puido constatar a fonda pegada deixada por este mestre poliédrico e polifacético no decurso da súa investigación para darlle forma ao libro Seivane, a gaita con maiúscula. Nel, repasa a súa vida, a súa achega ao mundo da gaita, numerosas impresións sobre el de familia, amigos e músicos e as melodías que compuxera ou recompilara.

"Galicia débelle moito", dicía Pablo Quintana, da editorial Canela, responsable da publicación da obra, destacando o traballo maxistral de Sánchez Rei e agradecendo o apoio e a colaboración da familia, "unha estirpe de músicos e de construtores que xa está chegando á súa cuarta xeración".

A segunda, os fillos Álvaro e Xosé Manuel, compartiron anécdotas de seu pai, coma a súa habelencia para sacar adiante o que se propoñía, a súa total ausencia de horarios para traballar ou aquel timbre que puxeron para que soubese cando tiña que ir ata Casa Horacio a atender unha chamada de teléfono.

A terceira e a cuarta, representada na Banda do Balcón –composta por Susana, Saínza, Fiz, Maren e Brais, substituído onte por Carlos Freire ano non poder acudir por una reacción á vacina– fixeron unha actuación estelar para pesentar o novo disco da gaiteira, Dende o meu balcón, froito dos 55 días de confinamento nos que saíron tocar ao balcón.

As súas foron unhas actuacións que se fixeron virais no mundo de hoxe das redes sociais, igual que antano se fixera viral o talento do patriarca Seivane, un "artista", como dixo Álvaro, que durante décadas converteu o seu obradoiro da Ribeira nun lugar de peregrinación para os contaxiados por unha paixón común, a gaita, "o símbolo musical de Galicia".

Seivane: cen anos de paixón pola gaita
Comentarios