jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

Segundo Pérez: "O texto da visita pastoral é apaixoante porque permite entender a nosa microhistoria"

Segundo Pérez, co seu libro. C.PÉREZ
Segundo Pérez, co seu libro. C.PÉREZ
O teólogo e investigador guitiricense aborda na súa última obra a primeira visita pastoral documentada ás terras de Parga, que se corresponde coa feita polo bispo Alonso Mesía de Tovar en 1613. O seu percorrido foi recollido por escrito, dando detallada conta da realidade das parroquias, da veciñanza ou dos bens do igrexario que daquela pertencían ao arcediagado de Montenegro.

Segundo Pérez, malia ao seu amplo quefacer como deán da Catedral de Santiago, segue a reservar tempo para unha das súas grandes paixóns, a investigación. Froito dese traballo de inmersión na riqueza dos arquivos eclesiásticos xorde Unha visita á Terra de Parga en 1613, obra na que recupera un tema que abordou na súa tese de doutoramento e en artigos publicados en Estudios Mindonienses. O libro, editado por Xerion, conta con dúas partes diferenciadas, unha primeira na que se analiza a visita, as parroquias do arciprestado de Parga e a acción pastoral desenvolvida nelas, e unha segunda na que se transcribe o manuscrito redactado polo secretario da visita. 

De onde xorde a idea de facer este libro? 

Xunto coa investigación teolóxica sempre tiven moito interese pola historia local. Por iso escribín un libro sobre a parroquia do Buriz, outro sobre a historia da escola habaneira dos Vilares e diversos artigos sobre a zona de Parga. Nunha pescuda no Arquivo Diocesano de Mondoñedo, fai xa moitos anos, fixen unha cata sobre as visitas pastorais da diócese e atopei o texto desta visita, que me pareceu que merecía a pena dalo a coñecer.

Como foi ese proceso de documentación? Levoulle moito tempo preparar a publicación?

O manuscrito está no Arquivo da Catedral de Mondoñedo e sobre este tema hai pouco publicado en Galicia. Si que me levou moito tempo, xa que despois da transcrición estivo parado ata que agora lle tocou a quenda.

O manuscrito gárdase no Arquivo da Catedral de Mondoñedo e sobre este tema hai pouco publicado en Galicia

Que foi o que máis o sorprendeu durante a investigación?

Sorprendeume a descrición que fai do chamado arcedianato de Montenegro onde se describe minuciosamente a situación de cada parroquia. Confirmoume na miña teoría do pouco poboada que estaba esta zona ata o século XX.

Quen era o bispo Mesía de Tovar? 

Era un bispo que foi mandado a Mondoñedo para aplicar o Concilio de Trento. Parece que non foi moi querido e só foi promocionado á diocese de Astorga, onde fixo un gran traballo pastoral.

Transcribe o texto da visita pastoral, que permite descubrir da época? 

É un texto apaixoante, xa que encende unha luz para entender a nosa microhistoria, sen a que non pode entenderse o futuro. Un futuro sen raíces é un círculo pechado sobre si mesmo.

Que cre que queda hoxe daquela Parga?

Ata fai pouco quedaba case todo, pero imos camiño de que non quede case nada. Por iso é preciso meter no amor á terra os nosos nenos e mozos ata o máis fondo do seu corazón.

Teño pensado outro libro sobre escritos xacobeos e moitos artigos que non sei se Deus me derá tempo a rematalos»

Carlos García Cortés escríbelle o prólogo, por que el? 

Carlos García Cortés é un dos autores que máis ten publicado de historia local en todo Galicia, compartimos ensino durante moitos anos e conservamos unha boa amizade. É un prólogo que merece a pena lelo.

Tamén vén de publicar A Diócese de Mondoñedo vista polos seus bispos, que razóns motivaron esta obra? 

Este libro é unha parte do traballo que realicei no Arquivo Secreto Vaticano durante máis de 20 anos e que quere ser a miña contribución a poñer en valor a memoria histórica e pastoral da Diócese de San Rosendo.

Ten xa outro proxecto en mente? 

Teño pensado outro libro sobre escritos xacobeos e moitos artigos que non sei se Deus me dará tempo a rematalos.

Segundo Pérez: "O texto da visita pastoral é apaixoante porque...
Comentarios