miércoles. 04.08.2021 |
El tiempo
miércoles. 04.08.2021
El tiempo

Pozomouro: se eles se tiran, ti tíraste?

Organizadores do Festival Pozomouro. EP
Organizadores do Festival Pozomouro. EP
Unha trintena de mozos organiza un festival que levará charlas, obradoiros e música á praia fluvial de Muimenta este sábado 31

Cando un grupo de amigos e veciños se xunta, só pode saír algo bo. No caso dos mozos de Muimenta o produto desta suma foi o Festival Pozomouro.A praia fluvial de Muimenta foi o lugar escollido e a data o 31, é dicir, este sábado. Non é unha data ao azar, os mozos que levan a cabo este proxecto en colaboración coa asociación cultural Aquilino Iglesia Alvariño quixeron facelo coincidir na mesma fin de semana que o xantar popular previsto para o día 1 de setembro que organiza a asociación. Para os rapaces de Muimenta era clave contar coa asociación "xa que son os grandes dinamizadores culturais do lugar", explica Miguel Morán, un dos organizadores.

Vai ser un lugar onde calquera que teña algo dentro poida mostralo

O proxecto foise fraguando pouco a pouco. O que estivo claro dende o principio, o eixo principal, é que querían pór en valor a cultura e a lingua galega, mais estando abertos a coñecer as alleas. O nome do festival vén do Pozo Mouro, unha zona do río onde hai un profundo pozo, os arredores era un dos lugares onde ían xogar de pequenos moitos dos organizadores e é a maneira que teñen os maiores de referirse ao lugar.

Unha trintena de mozos cheos de ilusión construíron este evento. "Vai ser un lugar onde calquera que teña algo dentro poida mostralo", comenta Morán. O cartel do festival xa está correndo polas redes e o óleo de Pablo Rodríguez Regueiro é súa particular carta de presentación. 

Cartel do Festival PozomouroA xornada comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú á que lle seguirá un xantar. Dende a organización animan a levar e compartir a comida cos demais. Xa pola tarde organízanse os pozos, cada un deles é un espazo dedicado a unha temática e no cal hai un obradoiro diferente. Está o ilustrado, o musical, ofrecido por Germán Díaz, o malabar, o infantil ou o río. Tamén haberá o R-moda, ofrecido por Sergio Marey, e tamén o pozo medicinal. Xa cara á tardiña, haberá un coloquio feminista coa colaboración de Antía Yañez, Miriam Beizana e Maite Mosconi. Logo Lois Pérez ofrecerá o contrarrecital Disco Hermo e tras este haberá un recital poético. 

A partir das 23.00 comezarán os concertos de Germán Díaz, Los Tres en un Piso, Sócratas, Um sincero e, para culminar a xornada, unha foliada aberta. "Dende a organización animamos a todos a que traian o seu instrumento e formen parte da foliada", explica Morán. 

Soa tópico, pero isto é un pozo sen fondo, un lugar onde se xuntan ideas e actividades de diversa índole co fin de crear un punto de encontro que perdure no tempo.  

Pozomouro: se eles se tiran, ti tíraste?
Comentarios