A sardiñada e un festival dance abrirán as patronais de San Xoán de Guitiriz o 23

Estarán os Dj Hugo Leivas, Frisco, Marcos Peón e Celso Bayo. O peche das festas será a verbena do día 26 co grupo Beatriz
Sardiñada na edición do San Xoán de 2019. AEP
photo_camera Sardiñada na edición do San Xoán de 2019. AEP

A asociación cultural e deportiva Ecce Homo de Guitiriz faise cargo un ano máis da organización das festas patronais do San Xoán, que darán comezo na noite do xoves 23 coa tradicional sardiñada popular gratuíta, á que se sumará a celebración da primeira edición da Festa da Xuventude Dance Gold Edition.

Tralo disparo, ás 21.00 horas, de 24 bombas anunciado o inicio dos festexos, comezará o reparto das sardiñas con pan e a continuación prenderase a cacharela de San Xoán para logo, xa na medianoite, gozar coas actuacións de Dj Frisco & Marcos Peón, Dj Celso Bayo e Dj Hugo Leivas.

O día do patrón, os gaiteiros Sons de Aldea, a charanga Os Trileros, o grupo da Uned Sénior e o Grupo Municipal de Gaitas de Guitiriz amenizarán os pasarrúas a partir das 10.30 e, ademais, as dúas últimas formacións tocarán xusto despois da misa, fixada para as 13.00 horas.

O trío Jake amenizará tanto a sesión vermú coma a verbena, na que tamén actuará a orquestra Costa Dorada, e pola tarde, ás 18.00 horas, celebrarase a tradicional festa infantil.

O sábado 25, xornada dedicada a Santo Antón, comezará de novo cos pasarrúas de Sons de Aldea e da charanga Os Trileros, que tamén animarán a saída da misa, que será unha vez máis ás 13.00 horas, seguida da procesión.

A orquestra Salsarena poñerá o ritmo na sesión vermú e na festa nocturna, na que estará acompañada polo grupo Arizona.

O broche de ouro das festas chegará na xornada dominical do día 26, onde será o grupo de gaitas Sons de Aldea o que volva a poñer o ritmo ás primeiras horas da xornada festiva.

A misa oficiarase ás 13.00 horas e trala sesión de pirotecnia ofrecida por Rocha Ares -haberá unha todos os días- ás 14.00 horas, a Banda Municipal de Música de Guitiriz ofrecerá un concerto.

O dúo Eclipse animará a bailar na última vermú das patronais guitiricenses e tamén abrirá a verbena ás 20.30 horas, para logo cederlle o testemuño ao popular grupo Beatriz de Asturias, que clausurará oficialmente o San Xoán cunha actuación sen descansos de dúas horas e media.

A asociación Ecce Homo conta co apoio do Concello de Guitiriz e da comunidade de montes veciñais en man común de San Xoán de Lagostelle, que ten asignada unha partida orzamentaria -aprobouse en asamblea conceder 21.000 euros para investir nos festexos dos días 24 e 25 de xuño- para colaborar coa organización das patronais de Guitiriz.

Comentarios