domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

Santiago Rodríguez: "Son tres as xeracións da miña familia que visitamos o belén"

Santiago Rodríguez, na abadía de Glastonbury. EP
Santiago Rodríguez, na abadía de Glastonbury. EP
O artigo ‘O Belén de Begonte peregrina aos nosos fogares’, inspirado en "vivencias persoais do pasado e do presente", reportoulle ao escritor e investigador lugués un premio co que segue a estela de seu pai, Manuel Rodríguez López, quen obtivo galardóns en xornalismo e en poesía

É licenciado en Bioloxía, doutor en Xenética, profesor na Universidade de Bristol, onde vive dende hai anos, e conta cunha dilatada carreira profesional. Un home de ciencias. Mais Santiago Rodríguez tamén soubo conservar o amor polas letras que mamou na casa. E como mostra, vén de gañar o primeiro premio do XLV Certame de Xornalismo de Begonte cun artigo xurdido logo de ver "a edición virtual do belén no meu fogar en Inglaterra".

Como o fai sentir o premio?

Faime unha ilusión inmensa formar parte da historia do belén xunto co meu pai, o meu fillo Carlos e todos os que fixeron e fan posible que este sexa unha realidade certa durante case medio século.

No artigo fala das visitas de varias xeracións ao belén, pasoulle? 

Si, somos tres xeracións da miña familia as que o visitamos asiduamente. Os meu pais leváronnos a meu irmán e a min varias veces. Cando coñecín a Mary, coa que casei en 1997, visitámolo tamén, algunha vez acompañados polos seus pais. E cando naceu o noso fillo Carlos, fomos tamén varias veces. Levo indo moitos anos, moitas veces, con estas e outras moitas persoas. Perdín a conta.

Faime unha ilusión inmensa formar parte da historia do belén xunto co meu pai, o meu fillo Carlos e todos os que o fixeron e fan posible 

Ademais do belén, garda máis relación con esa Terra Chá?

Teño a honra de ser amigo de moitos chairegos ilustres. Comezando con Xulio Xiz, co que me une unha fonda amizade herdada do meu pai. Úneme unha amizade especial tamén con Darío Xohán Cabana e co chorado Xosé Manuel Carballo, e teño a sorte de contar coa de Mero, Alfonso Blanco e seguro que doutros chairegos ilustres que non ubico como nados aí. 

Este ano o belén foi só virtual e o seu fillo fixo a versión en inglés, como xorde esta colaboración? 

Antonio Giz e Xulio Xiz dixéronme que estaban a traballar na edición virtual e que pensaban facer unha versión en inglés do vídeo. Colaboramos en moitos proxectos dende hai anos e xa antes participamos en traducións do galego ao inglés. Carlos reside en Inglaterra desde os dous anos, acaba de rematar o Grado de Musicoloxía en Cambridge e está a facer un máster. Ofreceuse encantado para realizar a tradución e a gravación, e o resultado coido que é excepcional.

Quen é para vostede Manuel Rodríguez López? Que aprendeu del?

O meu pai. Un pai amigo e compañeiro. Un exemplo e un orgullo. É todo isto e máis a pesar de que nos deixou fisicamente hai 31 anos. En vida aprendín moitas cousas. Algunhas que me veñen á cabeza son o significado da bonhomía levada á práctica, un exemplo de sacrificio e de traballo sen acougo, a importancia da familia e de adicar tempo aos fillos, con horas e horas de xogo ao xadrez, ao fútbol, ao Scrabble, ao Monopoly..., a miña afección pola numismática e a filatelia, o valor do noso legado a través do amor á nosa lingua e á nosa historia por medio de excursións en Galicia, algunha delas con Ánxel Fole, o amor por Paradela, o respecto aos vellos... En canto á literatura, ensinoume o significado da rima e do ritmo das poesías. Corriximos xuntos as galeradas de varios dos seus libros e ao facelo, empapeime sen decatarme de como escribir. Despois do seu falecemento levo aprendido moito do legado que deixou escrito e por medio de comentarios de xentes que o coñeceron, como recollo en A Paradela de Manuel Rodríguez López.

Meu pai e eu corriximos xuntos as galeradas de varios dos seus libros e ao facelo, empapeime sen decatarme de como escribir

Dedícanlle un certame en Paradela, como xorde e que balance fai?

Xorde por iniciativa do Concello de Paradela e máis do seu alcalde, José Manuel Mato Díaz. Desde o primeiro momento forman parte Xesús Mato, Xulio Xiz e eu mesmo, en nome da nosa familia. Ao longo dos anos engadíronse moitas outras persoas. O balance é espectacular, un éxito rotundo a nivel galego e no mundo hispanofalante. Son moitos os milleiros de participantes ao longo destes anos. A organización do Concello é exemplar e a calidade dos traballos é moi alta. É unha honra e un orgullo formar parte desta iniciativa que leva o nome do meu pai.

Que o levou a decantarse polas ciencias e a estudar bioloxía?

Coido que o principal motivo foi unha conferencia do Pai Manuel Carreira á que asistín no Bachalerato. En COU, a miña profesora de Bioloxía espertou en min unha curiosidade fonda para tentar coñecer máis sobre a base e o funcionamento da vida. Foron circunstancias puntuais as que me decantaron pola ciencia, creo que se en vez destas influencias tivera ao amigo Xesús Alonso Montero como profesor de Literatura, hoxe podería ser filólogo ou literato.

Hai un punto de encontro entre ciencia e literatura?

Coido que si. En ciencia escríbese, e moito, pero cunha linguaxe non literaria, o que chamamos escritura científica. É máis aburrida e monótona que a literaria, pero ten elementos que poden ser beneficiosos para un narrador. Nos artigos científicos, a estrutura é fundamental (e ríxida), pero cada artigo conta unha historia, elaborada e con moitas conexións, para transmitir ideas apoiadas en evidencias. Escribir un artigo científico pode levar meses, nos que se engaden e se desbotan ideas, fanse novas conexións, axústase o texto ao límite esixido pola revista científica... É un longo proceso que require imaxinación, inspiración e moita perspiración. 

Foron circunstancias puntuais as que me decantaron pola ciencia, coido que o principal motivo foi unha conferencia do Pai Manuel Carreira

É experto en xenética, ata que punto nos condicionan os xenes?
Hai moitos tipos de xenes. Hainos cunha función determinante en tarefas celulares ou fisiolóxicas básicas, de xeito que se son defectuosos poden ter consecuencias moi importantes. Outros son moito máis flexibles e non condicionan tanto. En relación aos distintos tipos de enfermidades, temos que distinguir entre as causadas por un xen (monoxénicas) ou por varios (multifactoriais). 

E estuda a influencia de factores xenéticos en enfermidades. A pregunta é obrigada, sábese como inflúen no covid-19?

Como facemos os científicos nestes casos, téñoche que responder dicindo que non son experto neste tema e que tería que facer unha revisión bibibliográfica para poder contestarche. Prefiro non comentar sen ter evidencia suficiente.

De preto: "O meu avó materno chamábame gazafurriolo de pequeno"
De pequeno quería ser...
Non lembro querer ser algo en particular. Tal vez non o tiña moi claro ou non mo cheguei a plantexar moi en serio.
É un pouco trotamundos, onde se sente na casa?
No meu fogar familiar, que neste momento se atopa en Inglaterra. Ao mesmo tempo, síntome na casa en todos os lugares nos que vivín: Barcelona, Lugo, Santiago de Compostela, Southampton, Bristol e Weston-super-Mare. E tamén, de xeito especial, en Paradela e en Viveiro.
Un lugar para desconectar?
O que uso máis a miúdo de xeito máis eficaz é a sala da miña casa cando ollo a miña colección de moedas. 
Unha viaxe?
O reencontro con Galicia cando a pandemia o permita.
Unha figura do belén?  
O neno Xesús. Porque é Xesús, e neno.
Un libro?
La célula viva, de Christian de Duve.
Unha imaxe gravada?
Algunha que outra bastante triste que non vén a conto. Das ledas, vénme á memoria o Camp Nou con 120.000 espectadores e Maradona disposto a lanzar un libre directo coa súa zurda que remataría en gol pola escuadra. A imaxe presencieina nunha das gradas máis altas do estadio do Barcelona cando tiña entre once e 13 anos.
Unha palabra do galego?
Gazafurriolo. Así me chamaba o meu avó materno.
E do inglés?
Please. É grato escoitala e usala, e é moi común na vida diaria en todos os ámbitos en Inglaterra.
Un cromosoma?
Cromosoma 11. Foi o cromosoma que estudei na miña tesina e na miña tese de doutoramento. O primeiro foi un estudo citoxenético poboacional na troita común. O segundo foi un estudo xenético de parte do cromosoma 11 humano.
O ADN é...
O tópico é que é a molécula portadora da información xenética que se transmite de xeración en xeración. Hai quen lle chama o libro da vida. Outros fan mal uso do que é e significa, ben por descoñecemento ou malintencionadamente. O ADN e a Xenética son mundos complexos cheos de sutilezas produto da evolución e das aplicacións científicas baseadas no seu estudo.

Santiago Rodríguez: "Son tres as xeracións da miña familia que...
Comentarios