"Santiago sen Camiño non tería sentido, e ao revés tampouco, son dous conceptos conectados"

Interpretar o patrimonio foi desde sempre a súa paixón e a xermadesa Florentina Pernas leva media vida dedicándose a transmitirlle á xente os seus coñecementos como guía turística oficial de Galicia. Natural de Burgás, este sábado regresa á súa vila natal para impartir a conferencia ‘Todos os camiños chegan a Santiago’.
A guía turística Flora Pernas
photo_camera A guía turística Flora Pernas

Tras percorrer toda Galicia como guía para ensinarlle á xente os seus tesouros, Florentina Pernas amósase por primeira vez algo inqueda, pois este sábado regresa á súa vila natal para deleitar aos seus veciños cunha charla sobre o Camiño que terá lugar na nave municipal de Xermade ás 12.00 horas. 

Que quere transmitirlle aos xermadeses sobre o Camiño?
Gustaríame poder explicar que o Camiño ten historia de pasado e de futuro. É unha definición que uso tamén en Compostela porque é unha cidade onde conflúe unha dobre arquitectura: a antiga e a contemporánea. No caso na ruta xacobea quero facer entender á xente por que naceu e como a raíz do descubrimento dunha tumba se foi facendo máis e máis coñecido ata hoxe en día. Hai que ter en conta que desde o medievo persoas de todo o mundo peregrinan a Santiago, e non só por motivos relixiosos.
Queda aínda moito por saber da ruta xacobea?
Por suposto, o Camiño ten moito que contar e forma parte da historia da cidade compostelá e da nosa historia. A rutas convertéronse na gran vía económica e cultural de Europa. É importante comprender o que significaron os camiños e todas as súas variantes no medievo e o que significan no século XXI. E sobre todo hai que comprender que Santiago sen o Camiño non tería sentido e ao revés tampouco. Son dous conceptos completamente conectados e unidos. 


Son unha defensora da historia, a lingua, o patrimonio e a cultura galegas. Son aspectos que nos definen como pobo

Leva 40 anos como guía turística. Que lle atrae deste oficio?
Eu desfruto moitísimo co meu traballo. Non son desas persoas que solta un discurso e nada máis. A min gústame ser unha interpretadora do patrimonio máis que unha guía. Guía pode ser calquera porque é alguén que lidera un grupo. O que eu fago é interpretar o patrimonio xa sexa natural, artístico ou histórico. Encántame achegar a xente ao inicio da historia e sen a miña formación sería imposible poder facelo. 
É unha amante do patrimonio...
Efectivamente, eu son unha gran defensora do patrimonio, da historia, da cultura e da lingua galegas. Son aspectos importantísimos porque nos definen como pobo ante calquera outra comunidade. A nosa é especialmentte rica e iso hai que salientalo.
Leva 30 anos en Santiago e agora volve á súa vila, ilusionada?
Moito, en Xermade están as miñas raíces e síntome moi contenta. Pero por outro lado traballar cos meus veciños cáusame máis nervios dos habituais.
Que destacaría da riqueza patrimonial da Terra Chá?
É unha zona moi rica a nivel natural e patrimonial e sobre todo en canto a arquitectura tradicional, con hórreos e cruceiros únicos.

Comentarios