Santaballa acolle este sábado a novena edición da Feira do Indiano

A xornada festiva comezará cun partido de fútbol e haberá postos de venda e artesanía e varias exposicións
photo_camera Un momento da presentación na Praza de San Marcos, en Lugo. EP

A parroquia vilalbesa de Santaballa volverá dar marchar atrás no tempo este sábado 14 para celebrar a novena edición das Xornadas sobre Migracións Indianas, ou Feira do Indiano, que se desenvolverá na escola habanera.

Trátase dunha xornada que servirá como "culminación de todo un ano de traballo", tal e como dicía Isidro Cillero, presidente da Liga Santaballesa, pouco despois do acto de presentación, no que tamén estiveron presentes a deputada de turismo, Pilar García Porto, e demais representantes da entidade organizadora.

Porto aproveitou a súa intervención para poñer en valor esta cita, na que colabora a Deputación de Lugo, como "dinamizadora do turismo e da economía da comarca", ademais de agradecer o traballo que desenvolve a Liga Santaballesa para sacar adiante esta recreación, á que agardan que se sume "moita xente de fóra", apuntaba Cillero, xa que os propios veciños de Santaballa son uns habituais da feira indiana. "Ao que máis e ao que menos tócanos de cerca ter algún emigrado na Habana, así que o sentimos como algo máis noso", engadía o presidente da Liga.

Os interesados en apuntarse ao xantar deberán anotarse antes de mañá, xoves, na Cooperativa de Santaballa ou contactando coa Liga Santaballesa

Así mesmo, os organizadores animaron a todos a achegarse ata Santaballa e involucrarse nunha festa que comezará arredor das 12.30 horas co partido de fútbol entre Santaballa D"Arriba e Santaballa D"Abaixo. Máis tarde, ás 13.45, terá lugar a presentación dos actos e o sorteo de agasallos para os vestidos de época.

Os asistentes terán a opción de xantar no lugar, cun menú servido por Rochela, cun prezo que vai dos 22 euros dos adultos aos dez para os nenos de sete a doce anos e de balde para os menores de sete. Será imprescindible levar o recibo de pago e anotarse antes de mañá, xoves, na Cooperativa de Santaballa ou nos teléfonos 637.02.97.75 e 652.79.02.20.

A música terá un papel importante durante o día, coas actuacións do dúo Calú na sesión vermú e o pasarrúas da charanga Santa Compaña, o grupo A Tajea, Omelyan Grabets e Rei Midas Animación. Á noite será a quenda do trío La Clave, pero antes Manuel Ferreiro teatralizará a queimada.

Por último, durante a tarde sucederanse os xogos tradicionais, os obradoiros de artesanía infantís e farán acto de presenza os cabezudos, ademais de contar con postos de artesanía e de venda de produtos variados. As exposicións 'Luces de alén mar', do arquivo do Consello da Cultura, e máis coleccións etnográficas axudarán a encher un programa feito para achegar os dous lados do Atlántico a través dun salto no tempo.

Comentarios