domingo. 01.08.2021 |
El tiempo
domingo. 01.08.2021
El tiempo

Santa Mariña: Unha tumba aberta para pechar feridas

Exhumación da fosa común de Santa Mariña. EP
Exhumación da fosa común de Santa Mariña. EP

A ARDF Desaparecidos exhumou a fosa común desta parroquia de Guitiriz, onde acharon oito cadáveres de represaliados no ano 1936. Máis de oito décadas despois, quizais se lles poida, por fin, poñer nome

Finais de 1936. Oénse uns disparos. Os veciños de Santa Mariña de Lagostelle, en Guitiriz, non saben moi ben que pasou. Son tempos difíciles. Saberano ao día seguinte. Uns homes acoden a tres casas e esíxenlles con premura aos escollidos que leven os carros e os bois para transportar uns cadáveres dende o límite da provincia ata a igrexa. Van tres carros. Son oito, ninguén os coñece. 

Xullo de 2019. Integrantes da Asociación por la Recuperación de los Desaparecidos en el Franquismo e voluntarios convocados pola entidade acoden ao adro da igrexa de Santa Mariña de Lagostelle. Un veciño indícalles practicamente o punto exacto no que cren que están. Delimítase a zona de actuación. 

O párroco Alfonso Blanco, un dos grandes impulsores da recuperación da memoria histórica da parroquia marca o inicio da exhumación. Un traballo meticuloso, coidadoso, lento e preciso. Non se quere danar nada do que se atope, cuxo estado de conservación non pode ser bo. A zona é húmida. 

A apenas uns 50 centímetros de profundidade, porque anos antes se fixera un rebaixe dos terreos, foronse achando restos. Oito corpos, perfectamente aliñados, de costas ao altar. O seu non fora un enterro cristiá. E só están alí porque non se puideron enterrar onde estaba previsto, fóra do recinto sacro. Cóntase que o cura quixo darlles un enterro digno. Eran persoas. 

O contorno cambiou moito nos 83 anos transcorridos entre un e outro momento. A igrexa, que antigamente era unha capela, ampliouse, e construíuse o cemiterio no lugar que antes ocupaba o muro do adro. Se xa había uns mortos alí enterrados, por que non se habían habilitar alí o resto das tumbas? E mesmo hai quen di que baixo estas obras pode haber máis corpos soterrados. Quizais nunca chegue a saberse.

"Los vecinos estaban estupefactos, pero encantados de que se haga, lo agradecen y eso nos da animos para seguir", apuntan dende a ARDF Desaparecidos, que agradecen o apoio veciñal e do Concello. E precisan que agora os restos están en custodia, a falta de facer as análises de ADN na Universidade Complutense de Madrid. Pechouse un ciclo, pero aínda queda un longo camiño por diante. 

"En Galicia hay muchas fosas todavía y hay que hacerlo cuanto antes" apuntan dende a ARDF, por varios motivos: a avanzada idade dos familiares que buscan aos seus desaparecidos e as condicións de conservación de moitas das fosas, o que podería provocar que nuns anos non quede nada dos restos.

A entidade, e todos os que a apoian, están a poñer o seu gran de area para devolverlle a dignidade a aqueles que foron represaliados polas súas ideas. Acaban de facelo na Santa Mariña coa exhumación, malia que aínda queda moito traballo por facer para tentar identificalos e que poidan finalmente descansar en paz; fixérono o ano pasado en Vilarraso, no municipio coruñés de Aranga, a onde un equipo de seis persoas da ARDF volve esta semana, concretamente a Fervenzas, para recuperar os cadáveres de tres maquis: Marcelino Rodríguez González, Marrofer, José Doldán Don e o Teniente Freijoo, paseados o 26 de xuño de 1946.

Para buscar axuda nas tarefas de exhumación e identificación xa se puxeron en contacto co Concello de Aranga, onde presentarán un escrito, aínda que xa contan co compromiso de apoio do alcalde.

Homenaxes na localidade
A ARDF tiña todo listo para iniciar as exhumacións en 2011, pero as tarefas fóronse demorando. A burocracia, a falta de fondos e outras complicacións impediron que se fixese antes. Mais si se deixou constancia de que na Santa Mariña, como moitos outros lugares —as estimacións falan de 150.000 represaliados e uns 75.000 soldados desaparecidos—, había que facer memoria. Tamén no adro da igrexa, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, o Goberno e a Deputación da Coruña colaboraron para a colocación dun monolito en "Homenaxe ás persoas vítimas do franquismo nas fosas de Guitiriz". O ano pasado, os veciños e distintas asociacións promoveron unha homenaxe colectiva: a Alfonso Blanco, polo seu intenso labor contra o esquecemento; aos veciños sen nome da fosa común e aos Irmáns da Lexía, Jaurés, Bebel e France García, capturados na parroquia e fusilados na Coruña. O verán pasado organizouse o I Memorial Irmáns da Lexía, unha xuntanza para o recordo, e este haberá segunda edición, co impulso de Xermolos e os Riazor Blues. Será o 17 de agosto e comezará as 13.30 na Santa Mariña, cunha ofrenda floral, un acto de lembranza e un xantar popular. Ás 18.00 horas haberá un partido de fútbol no campo de Parga e ás 20.30 horas, actuacións musicais de volta na Santa Mariña.

 

Santa Mariña: Unha tumba aberta para pechar feridas
Comentarios