A Santa María que en Bretoña se festexa dúas veces

As patronais da parroquia eran por esta data, ata que se decidiu movelas para agosto e deixar unha comida por este día, a Festa do Oito
Asistentes ao xantar desta última edición. S.IGLESIA
photo_camera Asistentes ao xantar desta última edición. S.IGLESIA

O 8 de setembro é para moitos lugueses sinónimo de romaría, de procesión, de día de culto, desde o Faro ata o Valadouro, pasando polo Cebreiro e os Remedios de Sarria. Na Terra Chá festéxase a Virxe do Monte na Feira do Monte (Cospeito) e en Bretoña é día de festa. Aínda que na parroquia pastoricense as súas patronais se moveran para agosto, o Oito segue a ter tirón para as ducias de veciños que non perden a ocasión dunha boa xuntanza e de lembrar vellas costumes.

"As nosas festas ser eran sempre polo 8 de setembro, pero como para entón os emigrantes xa marcharan porque se lles acabaran as vacacións, e normalmente facía mal tempo, decidiron cambialas para a penúltima fin de semana de agosto", explica Maximino Méndez, un dos catro integrantes —xunto a Orlando Castro, José Luis Seco e Xusto Méndez— dunha comisión que se viu obrigada a agardar, e a traballar, dous anos máis debido á pandemia.

Nesta ocasión reuníronse máis de 250 persoas no xantar veciñal organizado pola Festa do 8

A ese cambio no calendario hai quen lle bota máis de 30 anos e outros máis de 40, pero o certo é que ninguén se resistiu a esquecer esta data. Por iso, a Santa María de Bretoña se celebra por duplicado.

Unha gran comida, con máis de 250 persoas nesta ocasión, conmemora un día que para moitos "é a festa máis bonita, porque estamos cos amigos, cos veciños...", e que leva a memoria a aqueles tempos nos que, como relata Cristina Iglesia, de Bretoña, "viña andando desde a miña casa, a máis dun quilómetro, por carreiros estreitos; cando me deixaban vir á verbena, porque tamén viña unha amiga miña, non andabamos, corriamos de alegría!". "E non estou falando de onte, que eu xa teño 80 anos", matiza entre risas unha muller que hai 53 que se instalou ao pé da igrexa de Bretoña para rexentar o bar Esquina e que aínda se animou "a bailar unhas poucas pezas".

Cristina Iglesia, durante o baile previo ao xantar. S.IGLESIA
Cristina Iglesia, durante o baile previo ao xantar. S.IGLESIA

O gusto pola música séguelle intacto: "Ata que paraba de tocar a orquestra eu non me durmía. Gustábame escoitala", conta retrocedendo a vista atrás, cando a Festa do Oito se festexaba ao carón do vello teleclub con misa, música pola tarde, cea na casa e volta para a verbena. "O malo é que cando marchaban os pais, nós tamén tiñamos que largar", recoñece.

Ir de merenda coa familia tamén era tradición, "sentados no chan" e con manxares da casa. Empanada, lacón cocido, asado ou tortilla eran o prato principal, ao que se lle engadía "o pan e o viño que regalaban na festa", recordan entre tres veciñas de Bretoña, María del Carmen González, Santina Alonso e Pili Vila, que nesta ocasión viñeron acompañadas por familia e amigos como Rosa Monteagudo e Antonio Fraga, de Redondela.

"Coñecémonos nun balneario", conta Rosa, "e desde iso somos amigos; nós vimos aquí e eles tamén foron a Redondela", mostra de que, á hora de pasalo ben, non se entende de fronteiras nin de quilómetros.

Desde hai uns 40 anos, as festas patronais pasaron a ser na penúltima fin de semana de agosto, con mellor tempo e visitantes

Cristina, María del Carmen, Santina e Pili tamén falan, como tantos outros, de que "a Bretoña coñéceselle polas súas grandes festas". Esa idea continúa viva entre os seus veciños e por iso lembran como, para as patronais de agosto, se teñen sorteado "a tres ou catro coches xuntos e se percorría toda a provincia de Lugo, a da Coruña e Asturias para vender as rifas, co coche incluído, que levabamos nun camión dun lado para o outro", di Maximino. E conta unha anécdota: "Un día marchamos para San Andrés de Teixido contando con que iamos vender moito; chegamos para alí e vemos que todo eran buses de Mondoñedo. Xa os tiñamos a todos pateados".

Comisión de festas saínte de Bretoña. EP
Comisión de festas saínte de Bretoña. EP

Dyango, Manolo Escobar, Tito y Tita ou Ana Kiro foron algúns dos grandes nomes que pasaron polo campo da festa de Bretoña, traídos polo incansable traballo das comisións, que se forman por sorteo e escollendo un representante por zona: un do barrio da Igrexa, un do Pedredo e do Azougo, outro de Currás e Alvite, outro de Francos e A Soledá e un máis polos núcleos de Fontao, Luxilde e Mourelle.

Os outros lugares de Bretoña, como Fitoiro, A Castiñeira e Seselle e O Castrillón fan as súas propias festas.

Parroquias e barrios da Chaira, pequenos e grandes, continúan celebrando as súas festas de sempre polo incansable traballo das comisións

Contar a historia da Festa do Oito de Bretoña é contar a de tantas parroquias e barrios da Chaira que, malia a despoboación e o avellentamento da veciñanza, continúan agarrándose ás celebracións de sempre para, así, saber de onde veñen e cara a onde van. A cultura do esforzo é a máxima das súas comisións e colectivos que traballan durante doce meses, ou máis, para que todos poidan gozar.

Comentarios