Sandra Vázquez: "Non vou dicir desta auga non beberei, pero en ser candidata non é no que penso agora"

Xa pasou polo Concello de Vilalba, o Parlamento autonómico ou o Senado. E agora, como presidenta da xestora do PP vilalbés, suma un reto máis ao currículo: "reflotar un partido" que tras catro décadas de maiorías absolutas pasou á oposición

photo_camera Sandra Vázquez. EP

Aos seus 33 anos Sándra Vázquez xa ten un longo currículo político. Pese a que chegou case de sorpresa en 2015, despois dunha chamada do exrexedor de Vilalba Gerardo Criado. En pouco máis de catro anos xa foi concelleira no goberno municipal e na oposición, senadora e diputada autonómica.

Suma outro cargo ao listado agora, presidenta da xestora do PP en Vilalba. É un reto? 
É un reto que hai que acompañar de compromiso, ilusión e traballo e dun gran equipo, sobre todo con xente con ganas de aportar, ilusionar... Tócanos escoitar. 

Colle as rendas nunha etapa difícil para o partido, despois de perder as eleccións e nun momento de división. 
Para min non hai división. Creo que sufrimos un desgaste despois de 40 anos gobernando o pobo, pero o apoio de todos estes anos tampouco o pode olvidar ninguén. Foi un momento difícil, pero o noso reto é chegar de novo á alcaldía e debemos escoitarnos un pouquiño máis uns aos outros. Hai que escoitar a todos. 

Algo de autocrítica. Que fallou? 
O desgaste e que non soubemos chegar á xente. No PP facemos moitas cousas pero non nos vendemos nada. Todas as actividades, as obras... non soubemos transmitilo aos veciños. Nese sentido houbo falta de comunicación. 

Haberá que traballar moito para volver a recuperar a alcaldía? 
Non se pode dicir que é fácil, paréceme complicado e queda moito traballo e moito compromiso, falar con veciños, comerciantes, empresarios, a xente do rural... porque eu sei o que é vivir no rural. Falar con todo o mundo para que o PP volva a ter a hexemonía. 

Perdéronse moitos votos no rural. Como pensan achegarse? 
Debemos baixar e non ir tanto a correr co traballo do día a día e falar, falta contacto. E iso é culpa exclusivamente nosa. 

Asumir a presidencia da xestora é un primeiro paso para converterse en candidata do PP de Vilalba? 
Non vou dicir desta auga non beberei, non descarto absolutamente nada, pero é un partido de equipo. Para ser candidata debes ter un respaldo de xente que te asuma como tal. A día de hoxe non está dentro dos meus plans, non é no que penso agora. O que me reta é reflotar un partido, falar con afiliados... 

Non significa nada, entón? 
Non está nada pechado. E antes das municipais hai que facer un congreso. 

Non haberá nome de candidato nas autonómicas? 
Non, imos seguir coa xestora. 

Pero hai calendario marcado? 
Son moi planificadora, gústame ter todo a curto prazo, pero non todo pode ser así. 

Sufrimos un desgaste despois de 40 anos e non soubemos chegar á xente, facemos moito pero non nos vendemos nada

Recibiu moitos apoios? 
Conmigo falou a presidenta provincial, con Agustín de acordo, e polos parabéns que tiven, podo dicir que moitos apoios a nivel municipal, provincial e autonómico. Tamén me felicitou Gerardo. Por iso digo que non vivín esa desunión nunca. 

Xa baralla nomes e apelidos para o grupo que liderará? 
Aínda non. Nestes momentos estou centrándome en todo que temos enriba da mesa, en falar coa xente internamente. Hai que acompañarse dos mellores. 

Serán caras novas ou coñecidas? 
Necesítanse as dúas cousas, xente con experiencia e caras novas que nos transmitan o sentir dos veciños. 

Agustín Baamonde expresou que quere deixar a portavocía. Presidir a xestora implicará ese cargo? 
Hai que ir pasiño a pasiño e Agustín fala ás mil marabillas. Irase vendo, pero non teño porque ser eu. Un bo líder delega (ri). 

Foi concelleira con Agustín e con Gerardo. Que aprendeu deles? 
Son moi diferentes. De Gerardo aprendín xestión, como atender e solucionar as cousas, acababa de entrar. E de Agustín como dirixirse á xente, ten o don da palabra. 

Que é o mellor da política? 
O contacto coa xente, poder resolver cousas. 

O peor? 
Que entre na vida privada das persoas, os descalificativos. É algo que se vive e que non entendo. 

O feito de ser muller e nova complica máis as cousas? 
Non tiven ningunha dificultade por ser muller ou pola miña idade. Non vou dicir que fora fácil, pero nunca tiven ningún problema. 

Concello, Senado, Parlamento galego. Con que se queda? 
Son moi diferentes. De concelleira aprendín moitísimo en pouco tempo. Tiven que aprender o que é organizar e gobernar, que non é o mesmo. O Concello é como unha casa e quen mellor distribúa os fondos que hai é o goberno máis eficaz e eficiente. A min encantábame poder dar solución aos problemas dos veciños, facer cousas útiles. E encantoume estar na organización dun festival como o FIV, que sigue sendo vital e dá alegría a Vilalba. 

E o Senado e o Parlamento? 
O meu paso polo Senado foi moi rápido, non había Goberno e tampouco moita vida parlamentaria. O Parlamento é máis próximo.

Comentarios