Sandra Vázquez: "No congreso vanse debater ideas para reformular o partido, coa pandemia todo cambiou"

A deputada autonómica vilalbesa acaba de ser elixida para formar parte, como vicepresidenta, da comisión organizadora do congreso autonómico do Partido Popular, que se celebrará en Pontevedra os días 16 e 17 de xullo e no que participarán máis de 1.000 persoas.
Sandra Vázquez (Vilalba, PP) AEP
photo_camera Sandra Vázquez, deputada autonómica do PP. AEP

Afronta a súa segunda lexislatura no Parlamento galego, onde forma parte de catro comisións, e a renovación da xestora do PP vilalbés coa mesma ilusión coa que acaba de asumir un novo reto: ser a vicepresidenta da comisión organizadora do congreso autonómico do PPdeG.

Como recibiu a proposta?

Para min é un auténtico honor formar parte da comisión organizadora dun congreso dun partido da magnitude do Partido Popular de Galicia. É unha honra que te propoñan e che plantexen este tipo de retos persoais e políticos.

Cal será o seu cometido?

Teremos unha reunión nos próximos días todos os membros da comisión para consensuar todos os aspectos referentes a esta cita, como por exemplo a data, que será os días 16 e 17 de xullo. Tamén temos que ver como se van presentar as candidaturas, que de momento só hai unha, a de Alberto Núñez Feijóo, e validar os compromisarios, xa que algo máis de mil persoas poderán votar. Hai compromisarios natos, que polo seu cargo xa están considerados como tal, e o resto elixiranse. A distribución de compromisarios electos en cada provincia farase polo comité executivo provincial, co visto bo da comisión organizadora do congreso. No caso de Lugo, corresponden 143, catro deles de Novas Xeracións.

Que esperan deste congreso?

Tocaba facelo en 2020, pero a pandemia interrompeu este proceso. Daquela había que estar ao que había que estar, que era gobernar para solventar a situación polo covid-19. Consideramos que o momento máis idóneo para celebrar este tipo de congresos é agora, cando se pode pensar en facelo de forma presencial. Nel vanse debater ideas para rearmar, reformular o partido, que, aínda que leva moito tempo presente, necesita ideas novas, propostas diferentes, sobre todo porque a raíz da pandemia todo cambiou. A forma de vivir, de sentir de moitos de nós non é a mesma. O que antes considerabamos prioritario agora é secundario e ao revés. Agora hai outro tipo de sentimentos.

É a representante lucense nesta comisión...

Tamén está Eugenia Vázquez, como vogal, que tamén forma parte do comité. E despois, en cada un dos tres relatorios que haberá temos o noso lugar, con Antonio Ameijide, Cristina Abades e Katy Varela. 

Cre que este nomeamento a reforza de cara a ser a responsable do PP de Vilalba?

Creo que neste momento para o que estamos é para traballar. Que a min me propuxeran é un luxo a nivel de organizar un evento das características dun congreso autonómico. Eu estou a disposición do partido e disposta a traballar onde consideren e en calquera sitio onde me propoñan, a nivel local, provincial ou autonómico.

A finais de 2020 presentaronse os membros da xestora do PP vilalbés, a cal preside. Como foron estes meses?

Estamos case arrincando porque pola situación epidemiolóxica non se podían facer moitas xuntanzas. Agora mesmo todos os membros teñen encomendada unha función, que son os grupos de traballo. Estamos tendo reunións con diferentes colectivos, como a asociación Sete Pontes, cos seus representantes dos empresarios, comerciantes e hostaleiros, ou cunha Anpa. Tamén está previsto facer unha con integrantes da DOP San Simón da Costa e proximamente empezaremos coas parroquias. Temos que estar en contato coa xente, escoitala.

Como afrontan os dous anos que faltan ata as municipais?

Isto consiste en traballar case as 24 horas do día os sete días da semana. Intentamos prognosticar o calendario dunha semana a anterior e agora estamos sobre todo traballando a nivel de grupo interno para ver como enfocar todo o traballo que se está facendo. Tamén estamos contactando con xente moza, intentando formar un grupo con persoas que teñen moitas ganas de traballar.

Comentarios