Recunchos a descubrir

San Vitorio de Damil: devoción popular á beira do Miño

Os veciños están a recadar fondos para arranxar a histórica capela begontesa do século XVI, rodeada de lendas e na que cada mes de maio se celebraba unha concorrida romaría popular
Capela de San Vitorio de Damil. C.PÉREZ
photo_camera Capela de San Vitorio de Damil. C.PÉREZ
Localización
Un camiño, en boa parte bordeado de árbores e de vellos valados, leva dende a estrada LU-111 ata a capela e a fonte de San Vitorio de Damil. 
Romaxe
A romaría de San Vitorio, que adoitaba encher de merendas e de vida o tranquilo contorno da capela, celebrábase o día 14 de maio ou na fin de semana máis próxima.
Ritual
A tradición di que para curar o mal (sobre todo a sarna), hai que mollar un pano na auga da fonte, lavar con el a parte do corpo afectada e deixalo pendurado nunha póla. Ao ir  secando, a doenza vai pasando. 

 

Esmoleiro de San Vitorio. C.PÉREZ

Un esmoleiro sempre rodeado de coloridas flores á beira da estrada que une O Santo (Vilalba) con Rábade, marca o desvío cara a un lugar onde tradición popular, relixiosidade, natureza e misticismo se fan un. Contan as lendas que San Vitorio baixaba o río nunha lancha, moi enfermo, ata chegar ao lugar onde se ergue unha ermida na súa honra, unhas din porque morreu alí, outras que alí curou grazas ás augas milagreiras dunha fonte.

Fonte dos panos. C.PÉREZFose como fose, o certo é que na parroquia begontesa de San Salvador de Damil, á beira das aguas do Miño, se lle rende tributo ao San Vitorio dende hai séculos. Xa Pascual Madoz, no seu Diccionario Geográfico-Estadístico (1846) facía referencia á existencia desta capela, que data do XVI, e á súa romaría, que perdeu afluencia, pero se mantivo no tempo. 

Malia que o templo precisa dunha intervención —os veciños, co apoio do Concello, teñen un proxecto para restaurala e están a recadar fondos—, iso non lle resta encanto a un espazo no que se ergue garbosa unha vella carballa fendida por un raio quen sabe cando, onde as pedras parecen sempre a piques de relatar milleiros de historias e os panos pendurados das pólas dan conta da fe e da esperanza dos romeiros, co pai Miño como testemuña.

Carballa de San Vitorio. C.PÉREZ

Comentarios