domingo. 09.08.2020 |
El tiempo
domingo. 09.08.2020
El tiempo

A tradición baixo a mirada dun centenario

Poxa de Pontoibo, nas Pontes. MARTA MANCEBO
Poxa de Pontoibo, nas Pontes. MARTA MANCEBO
Pontoibo celebrou a poxa do San Vicente coa presenza de Salustiano Ameneiro, veciño que durante décadas foi o mestre de cerimonias

 A devoción polo San Vicente volveu encher de vida o campo da festa de Pontoibo, nas Pontes, unha celebración cargada da tradición máis arraigada, que se desenvolveu baixo a atenta mirada dun centenario.

Salustiano Ameneiro foi durante máis de seis décadas o mestre de cerimonias da poxa de produtos da terra coa que se recadan fondos para manter a festa —a súa última intervención sobre o escenario foi en 2013— e que é aínda hoxe o prato forte desta lonxeva celebración.

Esta subasta, que pervive ao paso do tempo, foise perdendo en moitas vilas galegas. Nesta, grazas á implicación dos veciños, non só continúa, senón que é capaz de congregar a ducias e ducias de curiosos baixo unha carpa instalada para a ocasión.

Salustiano Ameneiro, na poxa do San Vicente. MARTA MANCEBO

E aínda que non poida levar a voz cantante, Salustiano non perde detalle en cada nova edición, mentres vai falando cos veciños que se achegan á súa beira para saudalo ao saír da capela despois da misa.

"Fixen as festas durante 15 anos só, e había festa e festa", recorda un home que é toda unha institución neste barrio pontés e que vén de cumprir hai un par de meses o século de vida, cunha vitalidade e unha memoria prodixiosa.

Salustiano defende que se "vai gardando a tradición" porque aínda "queda fe no San Vicente", pero que as festas "non son nin moito menos o que eran". "A música cambiou moito, non hai un pasodoble para bailar", reclama, mentres tararea ‘La morena de mi copla’, un tema que foi composto en 1939 en homenaxe a "Julio Romero de Torres", recorda.

Este home, que se adicou sempre á agricultura e ás vacas —"o único instrumento que toquei na miña vida", afirma entre risas— representa a forma de vida dun barrio no que durante moitos anos case todos os seus veciños vivían da terra, esa que ofrece os saborosos produtos que se poñen á venda en cada poxa.

Ovos, carne, pan, embutidos, tarros de mel, cebolas ou animais —este ano había un porco, unha ovella, unha cabra e un cabrito á venda— foron os principais reclamos dunha subasta que serviu de colofón a unha festa que contou coa animación musical de Solara, Panamá e Esencia, e na que tamén houbo celebracións relixiosas.

Os veciños de Pontoibo, e por extensión os de toda a vila das Pontes, xa iniciaron a conta atrás para o próximo San Vicente, no que Salustiano ,"se o corpo mo permite", di, volverá a ser o vixiante da tradición.

A tradición baixo a mirada dun centenario
Comentarios