O San Ramón da revolución feminista

Marta Felpeto inaugurou oficialmente as festas vilalbesas cun pregón de cheo de recordos ► Aleixandre Lago recolleu o premio que acredita como gañador do XLIV Certame Literario

Os vilalbeses e vilalbesas vestíronse o xoves de gala para abrir oficialmente as súas patronais, unha cita que "antes de que se puxera en marcha toda esta revolución feminista e das mulleres, xa tiña presencia paritaria". "A ninguén se lle escapa que estamos aquí porque son as festas de San Ramón e Santa María", recordou a mantedora deste ano, a xuíza internacional de piragüismo Marta Felpeto, unha das poucas mulleres que leron o pregón no acto institucional das festas. Nel Aleixandre Lago Barcala recolleu tamén o premio do XLIV Certame Literario de Poesía Concello de Vilalba pola súa obra Cartafol de miraxes.

Felpeto fixo unha intervención cargada de recordos da súa nenez en Vilalba e, especialmente, na súa parroquia, Belesar, pero tamén foi un alegato a favor das mulleres en distintas facetas.

Recordou ás súas mestras, Matilde Jato e María José García Varela; falou das súas fillas, Alba e Elena, as súas "grandes aliadas que foron medrando e vendo de xeito natural o meu rol neste deporte e que entenden que as deixe soas moitas veces porque consideran que estou facendo algo importante", e destacou que "antes de que se falara de invisibilidade, xa tiñamos aquí no ano 1975 no primeiro Certame Literario a tres mulleres no xurado: Carmiña Prieto Rouco, Carmen Rodríguez Regueiro e María Dolores Soto Rouco".

Esta vilalbesa de nacemento e catoirense de adopción foi a primeira española en formar parte das xuntas directivas das federacións europea e internacional de piragüismo. Por iso —e igual que fixo en decembro cando recibiu "un dos mellores recoñecementos na miña traxectoria" na Gala do Deporte Municipal cunha mención especial— animou ás mulleres "a dar un paso máis, a situarnos ao fronte nun primeiro plano e a asumir novas responsabilidades e propoñer a outras mulleres para elas". "Non digo nada extraordinario, os homes fixeron esto de forma natural durante moitos anos, propoñer aos seus iguais", insistió.

Marta Felpeto tamén falou de deporte, do "gran cambio" que se produciu en Vilalba nos últimos anos "coa proliferación de clubes de moitas e moi variadas disciplinas" e da súa chegada ao mundo do piragüismo.

O seu discurso foi o punto de saída das festas e o de despedida dun acto que comezou na casa da cultura coa imposición de bandas por parte das distintas autoridades ás dúas raíñas, Carla Valenzuela e Nina Vázquez, e as súas dez damas.

Tras o habitual desfile ata o auditorio municipal, onde actuaron a banda de música de Vilalba, a Escola de Movemento e a AC Andrade, procedeuse á entrega do seu galardón —dotado con 7.000 euros, flor natural e diploma— a Aleixandre Lago como gañador do certame vilalbés, "unha herdanza deses ilustrados que loitaron pola lingua en idades máis escuras", definiu, tras facer un repaso polos distintos "rexurdires das nosas letras" ao longo dos últimos séculos.

"Que o meu traballo fora elexido por un xurado formado por ilustres persoeiros é algo que me enche de honra. Ademais, a cantidade que recibo permite dedicarme todo un ano á creación literaria, polo que teño que concederlle o estatuto de mecenado ao Concello", afirmou, agradecido, o xove autor, cuxa obra será publicada o vindeiro ano.

Programa
Tres intensos días cheos de actos
O acto de onte serviu para dar o pistoletazo oficial ás festas de San Ramón e Santa María, que afrontan os seus días grandes ata o luns.
Día de San Ramón
Este venres, día do patrón e do traxe rexional, os actos arrincarán cos pasarrúas de Pandereteiras de Andrade e a banda de música de Vilalba a partir das 10.30 horas. Ás 12.00 será a misa, cantada pola Polifónica Vilalbésa. A sesión vermú estará amenizada pola orquestra Pontevedra, que estará acompañada pola noite por Gran Parada. A banda de música local ofrecerá un concerto na praza da Constitución ás 20.00. Á medianoite, haberá fogos de artificio.
Día de Santa María
Entre Lusco e Fusco e a banda de gaitas Mato Vizoso animarán as rúas e a coral Luar cantará a partir das 12.00 na misa. A orquestra La Ola ADN actuará na sesión vermú e París de Noia unirase na verbena. O auditorio acolle a partir das 20.00 o Festival de Bandas Pepe Guntín.
Día da feira
No día adicado ás parroquias, Lanzós realiza este ano a ofrenda na misa, ás 12.00 horas. Buxos Verdes, a Charanga de Vilalba e as orquestras Xacobeo e Panorama porán a nota musical da xornada.