Apenas uns metros antes do punto quilométrico 532 da N-VI, á man esquerda se se vai cara á Coruña, está o desvío que cruza a ponte sobre o río Parga e leva ao santuario.
Curiosidades
Tamén na N-VI, co río e a vía do tren ás costas, está a Muller de Pedra de Víctor Corral, como coñecen no lugar á escultura dunha augadora.
Saih
A Confederación Hidrográfica Miño Sil instalou no San Alberte un Sistema Automático de Información Hidrológica (Saih) a través do que recolle en tempo real diversos datos sobre o estado do río.
Os peregrinos levan séculos dirixindo as súas pegadas cara a Santiago. E para os do Camiño Norte, o San Alberte, na parroquia guitiricense de Sambreixo, é paso obrigado. Moito antes de que a N-VI fose tal e de que as vías do ferrocarril Palencia-A Coruña e o paso a nivel se fixesen realidade, xa se erguían sobre as augas do río Parga a ponte medieval de San Alberte (BIC dende 1991) e os seus arcos, cada un dun estilo arquitectónico logo da reforma do XVIII.
Un paseo efémero polo asfalto permite volver pisar un deses camiños de sempre, entre valados e árbores, ata atopar, case sen querer, o emblemático conxunto que conforman a capela medieval do San Alberte, esa Fonte da Fala á que levaban de pequeno a Manuel María para que dominase a arte da palabra, o cruceiro da canteira local Josefa Pereira, ou as ruínas dunha vella pousada.
"O tempo vai de Parga a Pastoriza", escribía Díaz Castro no seu poema máis célebre, Penélope, un verso un milleiro de veces cantado e contado que lembra a vella romaxe hoxe recuperada por Xermolos e sempre acubillada polo máxico contorno do San Alberte, que infunde vida aos romeiros, aos peregrinos, aos camiñantes que seguen o curso do río pola Ruta da Auga, aos troiteiros que agardan que pique algo...