O San Alberte réndese a Alfonso Blanco, un home que "marca camiño"

O cura, que recibiu unha homenaxe nas XII Xornadas do Peregrino, é o protagonista da nova edición de Guieiros

Alfonso Blanco, entre as alcaldesas de Vilalba e Guitiriz. C.ARIAS
photo_camera Alfonso Blanco, entre as alcaldesas de Vilalba e Guitiriz. C.ARIAS

O San Alberte, ese lugar case máxico, cargado de historia e natureza, rendeuse a Alfonso Blanco nunha nova e emotiva homenaxe enmarcada dentro das XII Xornadas do Peregrino organizadas pola Asociación Abrindo Camiño. E foron moitos os que se sumaron para adicar verbas cheas de agarimo ao párroco e animador sociocultural nesa capela con culto ao patrono das xentes que teñen problemas coa fala.

"Alfonso é o noso espello na comarca de Terra Chá, un home que marca camiño, mestre, compañeiro e amigo", expresou José Luis Fernández Ansedes, o presidente dunha asociación que traballa en prol do Camiño Norte na Mariña e na comarca chairega, onde xa rendeu homenaxes a outros símbolos na ruta xacobea, como Conchita Prado, que foi delegada da asociación en Baamonde e responsable do albergue.

"Non o recibo eu só, sinto que é un recoñecemento a todos os que me axudan a facer camiño, que cada vez son máis. Sempre necesitei da xente, aínda que agora o necesito máis polos meus problemas de mobilidade", expresou o homenaxeado, que se mostrou agradecido por un acto que "nace da amizade" e no que tamén se presentou un novo número da revista Guieiros, editado por Xermolos e a Irmandade Manuel María, e que nesta ocasión vai dedicado integramente a Alfonso Blanco.

"Se as verbas abondaran para dicir", apuntou Mero Iglesias, que fixo de coordinador desta nova revista, a número 18, que recolle fotografías, dedicatorias, poemas ou debuxos que falan dun home "honesto e bo", "unha persoa de paz que impón o seu consenso" con "alta dose de perdón e de amnistía para toda a xente".

No acto, igual que na revista, sumáronse moitas caras coñecidas, como os músicos Miro Casabella, Xosé Quintas Canella, Raúl Galego ou Abel Pena, un gaiteiro "producto da factoría de Xermolos". Lino Losada, da asociación cultural guitiricense, falou do seu "corazón galopante", que "abrangue o mundo", como resaltou Valdi, que destacou o seu amor pola xuventude. David Otero enxalzou o seu papel para manter "a tribo das conciencias" e Xosé Otero Canto definiuno como un "profundo crente da relixión da vida".

No acto, presentado por Xulio Xiz, tamén interviron o mestre Xoán Xosé Fernández Abella, Xosé Lois García, Iago Santalla, o irmán de Alfonso ou Bruno Roca, o máis pequeno, que fixo alusión a Pardiñas, "o teu festival, que xa ten 40 anos", e estiveron presentes as alcaldesas de Vilalba, Elba Veleiro, e Guitiriz, Marisol Morandeira.

Trala homenaxe, que se celebrou despois dunha camiñada dende Baamonde ao San Alberte, os pasos continuaron cara a Parga, onde a asociación organizou unha mesa de análise sobre o Ano Xubilar-Xacobeo 2021.

Comentarios