No San Alberte fálase, e fálase ben

A música de Sons da Aldea, Bruxainas, Xurxo Souto e Richi Casás, a poesía de Alba María e de Eva Teixeiro e a obra de Lucía Gómez foron as protagonistas dunha animada Festa da Fala
Alba María, durante a súa regueifa ante o público no San Alberte. S.IGLESIA
photo_camera Alba María, durante a súa regueifa ante o público no San Alberte. S.IGLESIA

Dixo Xurxo Souto nada máis coller o micrófono: "Alfonso fala, e fala ben". Non o dixo nin unha nin dúas veces sobre o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, e por algo será. Porque na Festa da Fala que se celebrou onte baixo o acubillo da capela de San Alberte, que vivía o seu día grande de romaría, se algo se fai é domar con agarimo as verbas.

"Aquí celebramos a palabra", dixo Blanco sobre unha cita organizada por Xermolos, o grupo Porto e a Comunidade de Montes de Sambreixo que serve para "conservar as raíces nunha romaría que ten moita historia e na que a natureza axuda a estreitar vencellos e tomar conciencia da nosa fala".

Onte tamén houbo lugar para aquela comunicación que se expresa con imaxes, con xestos. Lucía Gómez, que dá clases no Ceip Lagostelle de Guitiriz, presentou o seu libro "Un legado infindo", no que a través de pictogramas achega a obra e figura de Florencio Delgado a todos. "A comunicación non é só a palabra, así que temos o deber de facer máis accesible a cultura", expresou a autora, ao tempo que se destacou que "a inclusión debera ser unha obriga".

Nun marco incomparable como é a contorna do San Alberte, a mesma á que levaron de pequeno a Manuel María e que desde entón visitou tantas veces que ata lle adicou dous poemas, as gaitas, as pandeiretas e os acordeóns soaron desde pola mañá. Primeiro cos de Sons da Aldea e Bruxainas para amenizarlles a chegada aos que se animaron a percorrer a Ruta da Auga, ben desde Guitiriz ou ben desde Parga, para achegarse á romaría, e logo para demostrar que poesía e música van da man.

Alba María, regueifeira e profesora no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, e Eva Teixeiro recitaron versos propios, de Cunqueiro e de Rosalía ao compás da guitarra, ademais dun texto elaborado por un grupo de 3º da Eso, nunha actuación que deixou paso á improvisación. Foi daquela, mentres Alba María cantaba aquilo de que "a mellor provincia é Lugo", cando Xurxo Souto tirou de micro para responder que "mellor é A Coruña". Unha loita de rimas e retrancas na que o músico bravú recoñeceu que "todo o que sei aprendino de Xermolos" e que serviu para animar ao público de cara ao peche da celebración.

A cargo de Souto e Richi Casás, que musicaron os versos de Manuel María, a Festa da Fala e a romaría do San Alberte dixeron adeus ata o vindeiro ano, mentres o murmullo do río se volvía apoderar da carballeira.

Comentarios