O CONFINAMENTO DE...

Sabela: "Aproveito para compoñer e para pensar en proxectos de futuro, que é incerto"

A cantante pontesa asegura que unha das primeiras cousas que fará será vir a Galicia 
Sabela, na habitación da música. EP
photo_camera Sabela, na habitación da música. EP

Onde está a pasar o confinamento?

Estou en Madrid, nun piso vivindo coa miña parella e co meu can. Sen terraza, pero con fiestras e luz do sol,  Que iso en Madrid tampouco abunda moito.

Como o leva, que cousas fai día a día?

Lévoo bastante ben. Fun pasando por varias etapas, imaxino que coma todos, con días que che custa máis,  sobre todo por estar lonxe dos meus. Pero teño a sorte de que teño a habitación da música, como eu lle  chamo, e paso moito tempo aí, aproveitando para compoñer moito e para pensar en proxectos de futuro, que é  bastante incerto.

Sairá novo disco ou parte do confinamento?

Estou preparando moitos temas nunha liña musical a seguir que me está gustando moito, pero falar de sacar un novo disco é algo moito máis complicado economicamente falando. 

Que será o primeiro que fará cando saia?

Seguramente que irei á casiña, irei a Galicia. Eu sempre teño morriña, aínda que non fora esta situación, pero  esperarei un pouco para non saír o primeiro día todos á vez.

Que lección saca de todo isto, positiva e negativa?

Positiva, para min que me gusta bastante o silencio, o permiso de parar. A nivel social fíxose unha reflexión  grande de como estamos a vivir, do consumo... que no ritmo normal do día a día non dá tempo a facer. En  negativo, que as cidades teñen que estar máis  preparadas para a vida que para o consumo, que é para o que están agora. Quedou claro porque cando permiten saír hai aglomeracións porque non hai os espazos  necesarios.

O coronavirus obrigou a suspender OT este ano. Pasou polo programa o ano pasado, como o viviría se estivera na academia?

Ten que ser un chasco forte. Eu, e todos os meus compañeiros, falamos con todos eles estes días. O programa intentou manter a conexión con todos, que é algo que estivo moi ben. Acaban de anunciar que van volver á  academia de OT en breve e ten que ser un impacto, despois de estar fóra con esta situación.
 

Comentarios