Sabela, a embaixadora galega en 'OT'

As redes sociais valoraron moi positivamente a decisión da pontesa de cantar un tema en galego na última gala

Sabela Ramil. INSTAGRAM
photo_camera Sabela Ramil. INSTAGRAM

A concursante galega de Operación Triunfo 2018, Sabela Ramil, converteuse en toda unha embaixadora de Galicia dentro da academia. Ademais de escoller unha canción en galego para xorgarse a súa continuidade no programa —defendeu o tema Benditas feridas, de Rosa Cedrón— a concursante de As Pontes demostrou ser unha gran defensora da lingua galega e utilízaa a miudo nas súas redes sociais, onde é habitual que comparta publicacións con texto en galego e en castelán.

Non é a primeira vez que o galego está presente en OT —o ano pasado, Roi popularizou os sapoconchos e Miriam entoou algúns versos do tema Tempestades de Sal, de Sés— pero Sabela foi pioneira en levar a lingua de Castelao a unha gala do programa. Esa elección foi moi valorada polos seus seguidores nas redes sociais, xa máis de 100.000 en Instagram.

"El gallego es la lengua más bonita de todas las cooficiales de España, confirmamos? Confirmamos", "Qué bonito... Y qué bien que cante en gallego", "Éncantame que cante en galego", "Ojalá más canciones en lenguas cooficiales, tanto sea gallego, euskera o catalán. También forman parte de la cultura de nuestro país y los tenemos ahí, dados de lado" ou "O galego ten unha sonoridade axeitada ás cancións sentimentáis e morriñosas. Ben por Sabela e pola súa escolleita do galego para cantar en OT" foron algúns dos comentarios que se puideron ler nas redes este mércores tras a actuación da pontesa.
 

Comentarios