
A concorrida e tradicional celebración da Virxe dos Milagres da parroquia begontesa de Saavedra recupera o seu programa habitual, con oficios relixiosos a partir do día 14 e animación musical no campo da festa durante tres xornadas.
As misas darán comezo coa tradicional novena á virxe, fixada entre os día 14 e 22 deste mes. Ás 20.00 horas rezarase o rosario e despois oficiará o crego Nicolás Susena, da diócese de Lugo. O último día de novena, as misas serán pola mañá, ás 11.30 e ás 12.30.
O día grande dos Milagres, o 24 de maio, haberá misas en horario continuo pola mañá e pola tarde, de 7.00 a 13.30 e de 18.00 a 21.00 horas. Como é tradición, as celebracións relixiosas prolongaranse en xornadas posteriores. Así, o sábado 28 están fixadas ás 12.30 e ás 13.30, así coma ás 20.30 horas, mentres que o domingo 29 serán só pola mañá, ás 11.30, 12.30 e 13.30 horas.
A veciñanza de Saavedra volverá gozar tamén da festa propiamente dita grazas ao traballo dunha comisión formada por catro mozos da parroquia, Manel Iglesia, Sergio Bello, Rubén Díaz e Miguel Pardo, que organizan tres xornadas de animación.
O propio día dos Milagres contará coa actuación do dúo Eclipse, mentres que o 28 serán a orquestra Solara e o DJ Marcos Magán os que se encargarán de amenizar a cita. A festa despedirase o 29 cunha sesión vermú amenizada polo trío Mar D"Arousa.
Dende a comisión de festas avánzase que haberá un servizo de comidas no campo da festa, ademais dos habituais postos de venda de produtos gastronómicos ou candeas, xa que acendelas como ofrenda é unha das tradicións máis arraigadas entre os centos de fieis que cada ano se achegan ao santuario de Saavedra por estas datas.