Recunchos a descubrir

Ruta do Río Requeixo: natureza e etnografía en nove quilómetros

O último itinerario deseñado polo concello remonta este cauce fluvial dende Roca, practicamente no punto onde se une co Parga, ata o Porto dos Bois, límite entre Os Vilares e O Buriz, unha senda na que se atopan varios antigos muíños e pontes construídas hai anos para comunicar lugares
Muíño de Acción ou do Chispa. C.PÉREZ
photo_camera Muíño de Acción ou do Chispa. C.PÉREZ
O lugar
O inicio oficial da ruta é a Ponte de Roca, preto de onde o río se une ao Parga, á altura da casa dos peóns camineros, entre os puntos quilómetros 533 e 534 da N-6.
Información
Hai paneis sobre o río e achados, xacementos ou construcións da zona. Outros ofrecen datos dos muíños (Novos, Chispa, A Casanova, da Locencia, de Merra de Abaixo, Ponte Barreiro) erguidos entre o XIX e o XX, dos regatos (de Parga, Illó, do Mato) e das pontes e pasos de pedra..
Dende 2018
O Concello solicitaba unha axuda de Rede Natura para crear esta senda.

Un dos muíños da ruta. C.PÉREZ
Un dos muíños da ruta. C.PÉREZ

De ponte en ponte porque me leva a corrente. Quen non lembra esta frase dun popular xogo de mesa infantil? A un pasatempo similar, sustituíndo as ocas por muíños, case se podería xogar ao percorrer a Ruta do Río Requeixo de Guitiriz, unha senda que ten como sinais de identidade a natureza envolvente e atemporal, as estruturas construídas polos veciños da zona ao longo do tempo para sortear o río e os restos dos muíños que outrora eran punto de encontro, alimentados por esas augas que o unifican todo. 

Ruta do Río Requeixo. C.PÉREZ
Ruta do Río Requeixo. C.PÉREZ

Dende a ponte de Roca, na parroquia de Roca, onde o río leva ese nome, ata a Ponte do Porto dos Bois (ou viceversa), linde entre Os Vilares e O Buriz, pasando por Trasparga, Santa Cruz e San Salvador, o camiñante remonta o río (ou segue o seu curso) en nove quilómetros para ver... e sentir.

Ponte que comunica os lugares de O Seixo e Enfostela (San Salvador) co Castro (Santa Cruz). C.PÉREZ
Ponte que comunica os lugares de O Seixo e Enfostela (San Salvador) co Castro (Santa Cruz). C.PÉREZ

O son do tráfico constante ao pasar baixo o gran viaduto da A-6, a estampa dunha fábrica e un par de vías asfaltadas son o único indicativo real de urbanización. O resto, como diría Manuel María, é soedá. Unha casa aquí e outra acolá, cans, vacas, cabalos, cabras e ovellas..., fervenzas, valados, árbores, pedra e as cores das estacións fanlle compaña e ese andante que coma o poeta, só pode medir os seus pasos en ferrados de corazón e fanegas de alma.

Presa de Merra. C.PÉREZ
Presa de Merra. C.PÉREZ