José Manuel Rus: "Se as condicións sanitarias nolo permiten haberá unha poxa"

Fai 23 anos asumía a coordinación da Moexmu, unha emblemática cita de case catro décadas que anualmente reúne a máis de 10.000 visitantes en Muimenta e que tivo que ser suspendida nas súas dúas últimas edicións
undefined
photo_camera José Manuel Rus. MARTA MANCEBO

O 6 de abril de 1998, José Manuel Rus asumía a coordinación da Moexmu, unha das citas por excelencia do calendario festivo da Terra Chá. Hoxe, 23 anos despois, fai balance da súa traxectoria, analiza de qué xeito lles afectou a pandemia e pronostica cal será o seu futuro.

Que significa para Muimenta a Moexmu?

Hoxe en día, aparte de pola discoteca Hermo, Muimenta é moi coñecida pola Festa da Filloa e pola Moexmu. Son xa case catro décadas dende que se iniciou este evento, polo que case non se entende Muimenta sen a Moexmu.

De que maneira afrontan un segundo ano sen a súa celebración?

Xa asumimos que a edición 36 quedaría deserta. O ano pasado suspendeuse 15 días antes. Este xa nin nolo plantexamos. Nun pobo pequeno como este a celebración de calquera das actividades que hai ao longo do ano sempre deixa moito movemento, algo que agora mesmo non hai. Vai ser complexo levantar isto.

Pensaron en organizar polo menos parte do programa?

Se as condicións sanitarias nolo permiten, temos pensado promover, en colaboración con Africor e despois do verán, unha poxa. 

Pero haberá máis Moexmu?

Si. Ademais para a vindeira edición temos moitas cousas comprometidas que debemos sacar adiante, aínda que só sexa por ética. Así que haberá Moexmu, si, e creo que vai seguir. O que si que haberá é que adaptarse ás novas circunstancias. 

Que é o que máis se bota en falta? 

A parte do movemento, o evento en si. Queiras que non, fálase do concurso de gando en toda España. Se non se celebra, perdes ese referente a nivel nacional. Tamén hai moitos gandeiros que nos chaman para saber se hai ou non concurso, porque dependendo diso organizan a súa granxa en compra e venda de gando. A Moexmu é moito máis que unha fin de semana ao ano. Rexístranse moitas transaccións durante a súa celebración, pero tamén se fan contactos que permiten rematalas nos seguintes meses.

Que media de visitantes teñen?

Nos últimos anos, andamos entre 10.000 e 12.000 persoas. Pero hai 20 anos a cousa estaba entre 15.000 e 17.000. 

E a procedencia?

Normalmente a xente que vén é da zona, pero tamén houbo anos que tivemos visitantes de Bilbao, Pamplona... A promoción e a calidade do concurso axudan moito.

Cantas reses puideron pasar polo recinto feiral Manuel Vila?

Isto é máis fácil de controlar que os visitantes, xa que estamos limitados polo espazo. Temos as dúas naves e non hai máis. Tampouco hai opción de ampliar. O concurso iniciouse no 87, e dende entón podemos facer unha media de 100 por ano, polo que rondarán as 3.300 reses. 

Cales son os principais atractivos desta mostra? 

O principal é o concurso de gando, o único que se celebra na provincia de Lugo dende 2012. O ano pasado, despois de moito perseverar, iamos acoller o certame autonómico, pero cancelouse pola pandemia. Ademais, o feito de que sexa unha feira multisectorial tamén axuda. Hai xente á que non lle gusta o gando, pero vén pola artesanía ou polos coches, por exemplo, e aproveita a viaxe.

Que balance fai das dúas décadas á fronte da coordinación?

Pois a Moexmu que collín eu no 98 non ten moito que ver coa de agora. Non coincide nin a data, que antes era en xullo, coas patronais. O sistema de comisións de empresarios mantense, o concurso promocionouse moito, ampliouse o programa, incluise a poxa, o concurso de can de palleiro, asinamos un convenio de colaboración coa USC e logrouse que a Festa da Filloa fose recoñecida Festa de Interese Turístico de Galicia. Fóronse introducindo cambios pouco a pouco.

Despois de todo este tempo, xa pensa no relevo?

Hai tempo que está sobre a mesa, inflúen moitas cousas, pero sobre todo, que as circunstancias da vida van cambiando. Por outra banda, nesta época non nos podemos reunir todos debido ás restriccións sanitarias, pero si somos conscientes que se teñen que abordar determinadas cuestións, por exemplo o sistema de comisións, a idade dalgúns dos integrantes é alta.

Non se plantexan organizala doutro xeito?

De momento non. A Moexmu e a Festa da Filloa teñen un compoñente moi especial. Están moi unidas ao pobo. Non hai ningunha casa en Muimenta que non veña a traballar, polo menos un dos seus integrantes. Cada un sabe o que ten facer e quere vir, é algo que se sinte como propio.

Cre que hai máis dificultades para sacar adiante este tipo de eventos nun contexto rural?

No rural tes a implicación da xente, pero é verdade que a efectos de administracións e posibles colaboracións comerciais, aportar ao rural sempre é moito máis complexo que facelo no urbano.

Outro dos eventos clave en Muimenta é a Festa da Filloa. Este ano haberá actividades?

O primeiro debe ser a saúde, así que o vindeiro 1 de maio será moi complexo que haxa Festa da Filloa no recinto feiral, pero si estamos traballando para facer algo diferente. O ano pasado xa se fixo virtual animando á xente a colgar nas redes sociais como facían as filloas e o churrasco na casa.

No 2008 logrou o recoñecemento de Festa de Interese Turístico. Que supuxo este distintivo?

Mantendo a esencia dos veciños, ves o traballo recoñecido, apareces en promocións da Xunta, en guías... Ademais, xurden sinerxias con outras festas similares. O ano pasado iamos facer algo coa da Baña e Lestedo, unha iniciativa que se cancelou pola pandemia, pero que se vai retomar seguro.

"Muimenta é unión, colaboración veciñal. É algo intrínseco que vai no noso ADN"
Recorda algunha edición da Moexmu en especial? E por que?
A que coincidiu coa crise das vacas tolas, polo complexa que foi a súa organización.
Muimenta é sinónimo de...
Unión, colaboración veciñal... É algo intrínseco que vai no noso ADN. Somos como Fuenteovejuna, todos a unha.
Se tivera que animar a descubrir algún recuncho destas terras. Con cal se quedaría?
Non podería quedarme cun só. Diría que a área recreativa Ribas do Miño, o Museo da Zoca e o Museo Pedagóxico. 
Ademais do seu traballo e da coordinación dos distintos eventos que promoven dende Muimenta. Que afeccións ten? 
Gústame a bicicleta, ler, nadar e desfrutar dunha 1906 cos amigos.
Un libro que recomendaría?
Nosotros, los Rivero, de Dolores Medio, que foi un libro que lin na época do instituto. E Todo esto te daré, de Dolores Redondo.
Unha película.
Mar adentro.
Unha viaxe que recorde con especial cariño?
A que fixen á Arxentina. Temos aló familia e fomos coñecela.
Un destino ao que lle gustaría ir cando pase a pandemia?
A Malta, sempre lle tiven ganas.
Un postre.
A filloa, non pode ser outro.

Comentarios