domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

Unha rúa para O Alegre de Bretoña

O Alegre, co teclado que levou de verbena en verbena. S. IGLESIA
O Alegre, co teclado que levou de verbena en verbena. S. IGLESIA
Unha campaña recolle firmas para recoñecer a traxectoria do músico Manuel Fernández ► Desde os 17 ata os 73 anos formou parte da verbena, a través dun trío e múltiples orquestras

"A música era toda a miña vida e agora vivo dos recordos". Entre a nostalxia e a felicidade por terse adicado durante 56 anos ao que máis lle gustaba, fala Manuel Fernández Castrillón, O Alegre de Bretoña, que vén de celebrar o seu 80 aniversario cun agasallo que non agardaba, a proposta para converter o seu nome nunha rúa da Pastoriza.

A iniciativa débeselle á artista Verónica Cambón, quen axiña contou co apoio de Flor e Félix, de Musicalia, a axencia coa que traballa a propia Verónica e na que estaba a orquestra Fantasía, a do Alegre. "Pregunteille a Flor como podiamos facer e antes de ir ao consistorio propoñelo, pensamos en reunir as firmas", relata a cantante, cuxo plan xa está en marcha e conseguiu reunir unhas 150 firmas en Change.org.

"Sería algo moi bonito, porque o Alegre é un referente da vila e unha persoa que coñece todo o mundo. Ademais, os recoñecementos hai que facelos en vida", resume unha muller que agarda a que as restriccións se suavicen para ampliar a recollida de sinaturas tamén presencialmente.

Mentres tanto, Manuel, ou Alegre, quítase méritos de enriba e segue entregándose á música. "Cando teño un minuto veño para aquí", di desde o seu particular estudio e diante do ordenador no que compón Midis -o protocolo que logo len os instrumentos para interpretar un determinado tema- e cuxo sistema alberga centos de cancións e, en vídeo, decenas de horas de actuacións sobre o palco da Fantasía, a que botou a andar no ano 1996 -non sen dificultades e chegando a endebedarse- e que baixaba o telón en outubro de 2014.

O Alegre agora adícase a crear Midis no ordenador, no que almacena decenas de actuacións sobre o palco da Fantasía en vídeo

Pero os seus inicios van moito máis atrás, cando con 17 anos e unha depresión "a música chegou para salvarme a vida", lembra. Mercou unha gaita, logo un clarinete, e co seu irmán José e un veciño, Jesús Fernández, fixo o trío Os Alegres, un nome que lle debe ao fundador do bar O González, máis tarde coñecido como O Coradas, que "pola inauguración do local nos pediu que foramos tocar, imprimiu os carteis e el buscou o nome", recorda o músico, ao tempo que recoñece que "o meu sempre foi o piano".

Despois de desfacerse o trío pola marcha do seu irmán para a mili, Manuel pasou pola Royal 5 de Mondoñedo, a Scala de Lugo, a Nova Lira de Vilalba -"daquela, lexendaria", di-, a Renovación de Lugo, a Montesol da capital chairega, onde seguiu coa Philadelphia e coa Lúa Nova, a predecesora da Fantasía.

Sobre o palco da súa propia orquestra, na que tiña dous metais, batería, baixo e tres vocalistas, ademais do seu piano, O Alegre traspasou fronteiras. Son incontables as festas que fixo na volta e as veces que percorreu Galicia -tamén actuou en Barcelona, Vitoria ou Castela- ao volante do seu camión, porque, ademais de teclista, era condutor, montador, técnico de son, de luces...

E encargado de arranxar os electrodomésticos da tenda que rexentaba a súa muller en Bretoña. Un todoterreo que non bota nada de menos da verbena "porque xa o vivín todo" e que concibe o seu oficio como "moi duro" e semellante "ao dun camareiro, tes que darlle ao público o que pide", pese a que a "música moderna" non acaba de convencelo. "Agora a discoteca está no campo da festa", di con sorna quen segue "enganchado" á música e ao que o peito se lle enche cos aplausos e os bailes, "ver que a xente o pasaba ben con nós".

Unha rúa para O Alegre de Bretoña
Comentarios