lunes. 17.01.2022 |
El tiempo
lunes. 17.01.2022
El tiempo

Roupar: cen anos de escola habaneira

Un momento da construción do edificio escolar. IESCHA
Un momento da construción do edificio escolar. IESCHA
A Sociedad de Instrucción y Protección Hijos de Roupar impulsaba dende La Habana, coa colaboración dos veciños da parroquia rouparesa, a creación dunha escola que se facía realidade en 1921 e pola que durante seis décadas pasaron numerosas xeracións de nenos da vila ata que se abriu o colexio de Xermade en 1980

OS EMIGRANTES galegos en Cuba deixaban o corazón na súa aldea. Bo exemplo diso son as escolas doadas por eles, ás que asistían nenos, nenas e adultos e que modernizaron o ensino primario en Galicia, sobre todo nas tres primeiras décadas do pasado século XX.

Hoxe aínda seguen en pé moitos destes edificios escolares, como a escola habaneira de Roupar, que cumpre 100 anos e que ergueron os roupareses emigrados na Habana, non sen atrancos e contratempos. Unha mostra da importancia que tiña para os emigrados a educación é este artigo publicado na Habana en 1912: "Cuando frente a la casa de cada cacique albee una escuela que el cacique no inspeccione, Galicia sacará de su fecunda entraña el orgullo heroico que hace grandes a los pueblos".

En 1913, a Sociedad de Instrucción y Protección Hijos de Roupar, con sede na Habana, nomeou unha xunta directiva formada por Andrés Fernández Freire como presidente, José María Rodríguez Ferreiro como secretario e Andrés Felpeto Peón como tesoureiro. A delegación de Roupar constituírona Manuel Pardo Tato como presidente, Manuel Rodríguez Cao como tesoureiro e José Puente Guerreiro como secretario.

Entre todos, e coa axuda dos veciños, puxéronse mans a obra. Compraron os terreos para a escola (250 $ en prata española) e encargaron os planos da casa-escola. Os veciños, ademais de donativos, achegaron a madeira e carrexaron a pedra. Todo isto foi organizado por Cayetano Pena e Baltasar Pardo na Tallería de Abaixo; por Manuel Tato e Manuel Pardo, na Tallería do Medio; e por Luis Carballeira e Antonio Bermúdez na Tallería de Arriba, segundo consta en xunta celebrada o 6 de abril de 1914.

Ata o ano 1921 non estivo rematada, e chegou o momento de escoller mestre. Tendo en conta a opinión de toda a parroquia, o elixido foi Manuel Dovao, que cobraría mil pesetas por todo o curso.

No artigo 41 de regulamento da Sociedad de Instrucción, aprobado na Habana o 13 de xuño de 1913, está indicado todo o relativo ao ensino neste centro: "As clases na escola que se construirá en Roupar serán diurnas e nocturnas, cuias horas máis convintes determinará a xunta da delegación en Roupar, para que os profesores o sinalen nos regulamentos internos e nos plans de ensino, quedando ditos plans suxetos ás materias seguintes: Lectura, Escritura, Gramática, Aritmética, Agricultura, Historia, Xeografía, Xeometría, Contabilidade Mercantil, labores femininas, correspondencia familiar e de outras ordes, conferencias para adultos sobre Agricultura, Gandeiría, Avicultura e Apicultura en xeral.

Estas conferencias daranse nos salóns que a Sociedade ou delegación de Roupar designe un domingo pola tarde cada mes. Igualmente darase unha conferencia cada mes e na mesma forma que a anterior, explicando capítulos do Código Civil, para que os alumnos e mesmo os maiores vaian aprendendo os deberes que teñen para os seus semellantes, ou sexa, acostumbralos a saber que hai Leis polas que nos reximos para que cada cal coñeza os seus deberes e dereitos".

A escola tiña unha aula de nenas e outra de nenos cun patio central para as actividades de inverno. A ela asistían os nenos e as nenas da Tallería do Medio e da Tallería de Arriba, porque na Tallería de Abaixo había unha escola mixta.

NOVO USO. Deixouse de usar para clases cando se edificou o grupo escolar en Xermade no ano 1980. Ao quedar baleira, decidiuse darlle outra utilidade e pasou a ser o centro da asociación de veciños.

Hoxe en día o edificio consta de sala de actividades, local para pequenas reunións, sala de reunións da asociación e interesante biblioteca que acolle libros de pedagoxía escritos polo mestre Benito López García e algúns outros que doou da súa biblioteca persoal. Na sala de actividades hai dous gravados de Francisco Cuadrado, pintor sevillano pertencente ao realismo social e merecedor de varios premios nos anos 80, que foron doados por Anxo Guerreiro.


Escola habaneira de Roupar. IESCHA

No ano 2008, construíuse un anexo, proxectado por Luz Paz Agras, que levou o accésit en arquitectura de baixo custo da décimo cuarta edición dos premios COAG. A súa función é servir de cociña e de lugar para pequenas reunións.

Na antiga escola celébranse numerosos actos: comidas de confraternización, conferencias, exposicións, cursos, representacións teatrais, etc.

Ao longo dos seus 100 anos foron moitos os veciños e as veciñas que colaboraron para a conservación deste edificio, que ten tanto significado simbólico e arquitectónico, e para seguir coa finalidade para a que foi creado: as actividades culturais e sociais.

Roupar: cen anos de escola habaneira
Comentarios