Rouban de madrugada as estacas do circuíto de campo a través de Vilalba

Circuíto coas estacas suplentes. EP
photo_camera Circuíto coas estacas suplentes. EP

"Empezou a proba?" "Non, vai cun pouco de retraso, porque roubaron as estacas do circuíto e houbo que volver marcar todo". Esta conversa era unha das moitas que se podían oír, todas xirando sobre o mesmo tema, na mañá deste sábado na área recreativa da Magdalena de Vilalba, onde ás 11.00 se disputaba a proba clasificatoria de campo a través da Terra Chá. E fíxose pese a que durante a madrugada os ladróns asaltaron o lugar e levaron unhas 200 varas que definían o percorrido que debían facer os case 200 atletas.

"Marcamos o venres á tarde e hoxe ao chegar, ás dez de mañá, atopamos as cintas no chan, sen as picas", dicía Juan José Somoza, da agrupación deportiva Terra Chá, organizador desta proba do programa Xogade coa que colabora o Concello de Vilalba.

"Foi sorte que tiñamos algunhas gardadas e poidemos volver a montar todo de novo, senón teriamos que suspender", precisou, asegurando que leva anos organizando estas competicións e "nunca tal pasara, e teñen quedado postas dunha semana para outra". "Non é tanto o custo, porque non chegan a 200 euros, coma o traballo, e a ver como facemos para o provincial", lamentou Somoza pensando na seguinte carreira que será na Magdalena o día 2.

Comentarios